Núñez Feijoo anuncia a Santiago Freire que o proxecto de construción da rotonda da Barquiña e novas beirarrúas ata Noia sairá a exposición pública nos primeiros meses de 2020

Núñez Feijoo anuncia a Santiago Freire que o proxecto de construción da rotonda da Barquiña e novas beirarrúas ata Noia sairá a exposición pública nos primeiros meses de 2020

Escrito el 30/10/2019


O proxecto de construción dunha rotonda na AC-550, á altura da Barquiña, e dunhas novas beirarrúas ata o núcleo urbano de Noia, presupostado en 1.170.000 euros, someterase a exposición pública nos primeiros meses de 2020. Así llo confirmou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, ao alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, durante unha reunión celebrada en San Caetano para axilizar varios investimentos comprometidos e presentar novas iniciativas. Unha visita na que estivo acompañado pola primeira tenente de alcalde, Marisol Villar, e pola concelleira de Deportes, Laura Salgado.

 

Freire Abeijón amosou a súa satisfacción polos avances na construción desta glorieta pois “estamos falando dun dos principais accesos á vila de Noia, ao coincidir co final do corredor Brión-Noia e co enlace co polígono de Augalevada, e no que se tiñan rexistrado numerosos sinistros”. Unha situación que motivou que o Concello de Noia habilitara no 2016 un carril de espera no devandito cruce, á espera da construción desta rotonda.

 

Ademais da nova glorieta e da nova construción dunhas novas beirarrúas, o alcalde noiés explica que “se axustará o eixo do viario para evitar que os vehículos se suban ás beirarrúas para aparcar e as danen, como acontece nestes momentos”. Así, o proxecto inclúe a execución dunhas novas beirarrúas ata o núcleo urbano, coas correspondentes canalización de abastecemento e recollida de pluviais soterradas. “Será unha actuación semellante á realizada no barrio de San Bernardo, de forma que melloraremos a seguridade viaria das dúas principais vías de entrada a vila”, apunta Freire Abeijón.

 

Mellora nas instalacións deportivas

 

Entre as novidades propostas pola delegación noiesa ao presidente da Xunta se inclúen tres actuacións de mellora das instalacións deportivas no municipio. Así, o Concello de Noia solicitou a colaboración da Xunta de Galicia para construír unha grada cuberta no campo de céspede artificial de San Lázaro e para realizar unha actuación de recuperación da nave de Abruiñeiras para utilizala como instalación náutico-deportiva.

 

Así mesmo, o alcalde de Noia solicitou melloras nas instalacións deportivas do IES Campo San Alberto e o pavillón Alonso Rodríguez. “Plantexámoslle ao presidente da Xunta a necesidade de facer un convenio de colaboración coa Consellería de Educación para que esas instalacións poidan ser utilizadas pola veciñanza fóra do horario lectivo e, sobre todo, durante o verán”, explica Santiago Freire. Neste sentido, apunta que “ademais de servirnos para complementar a oferta que todos os veráns ofrecemos na Alameda, sería unha solución moi sinxela para poñer en valor unhas instalacións infrautilizadas”.

 

Saneamento e abastecemento

 

O alcalde de Noia tamén aproveitou para trasladarlle a Núñez Feijoo a necesidade de avanzar canto antes na elaboración do Plan Director que está a acometer Augas de Galicia. Nestes momentos, a empresa adxudicataria está a instalar caudalímetros e facendo probas e medicións para dispoñer dun diagnóstico completo do estado da rede de abastecemento e saneamento de Noia.

 

“Dialogamos sobre a situación da rede de saneamento, de acometer melloras na depuradora e mesmo da posibilidade de construír unha nova depuradora. Por iso compre avanzar canto antes na elaboración do Plan Director para determinar os investimentos a realizar”, comenta Freire Abeijón.

 

Neste punto, o presidente da Xunta confirmoulle ao alcalde noiés que seguirán acometendo actuacións de rexeneración e dragado da ría, mentres que Santiago Freire aproveitou para agradecer o inicio das obras para a reforma da fachada marítima de Noia.

 

Centro de saúde

 

Finalmente, a delegación noiesa presentoulle ao presidente da Xunta a parcela cedida polo Concello de Noia á Consellería de Sanidade para a construción dun novo centro de saúde na localidade. Trátase dunha parcela de titularidade municipal en San Lázaro, de 660 m2 e emprazada nas inmediacións da capela, e que é urbanizable, polo que non habería problemas para facer nela o novo centro de saúde. “Ten un aproveitamento de 3.300 m2 de edificabilidade, polo que estariamos falando dun edificio de varias alturas, con PAC, unidades de radioloxía e todos os servizos sanitarios”, apunta o alcalde noiés.

 

O Concello de Noia xa entregou toda a documentación aos técnicos da Xunta, que recentemente visitaron a parcela, e está á espera de que Sanidade faga unha valoración aproximada do custe que tería facer un novo centro de saúde e remodelar o xa existentes, para escoller a mellor alternativa. Neste sentido, Santiago Freire quixo agradecer tanto “o compromiso do presidente da Xunta como do conselleiro de Sanidade con Noia, pois estamos falando dun proxecto a longo prazo, cun horizonte no ano 2023, pero que permitirá que os veciños e veciñas poidan desfrutar dunhas mellores e ampliadas instalacións sanitarias, ben de nova construción, ben pola remodelación das existentes”.