AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA E CONCELLO DE RIVEIRA ASINAN UN CONVENIO PARA AMPLIAR O ECOPARQUE DE AVENTURAS DE SAN ROQUE

AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA E CONCELLO DE RIVEIRA ASINAN UN CONVENIO PARA AMPLIAR O ECOPARQUE DE AVENTURAS DE SAN ROQUE

Escrito el 31/10/2019


Concello de Riveira e Axencia de Turismo de Galicia veñen de asinar un convenio de colaboración que permitirá a ampliación do Ecoparque Arbóreo de Aventuras de San Roque.

 

En función deste acordo de colaboración, a devandita axencia galega realizará unha achega por un importe máximo de 31.245 euros (é dicir, o 65% do investimento total) para poder acometer unha intervención cuxo orzamento ascende a 48.070 euros.


O obxectivo de tal actuación reside en potenciar o interese desta infraestrutura como espazo de turismo activo sacándolle maior potencial ás grandes posibilidades do periurbano de San Roque, de 175.000 metros cadrados de superficie.

 

De tres a seis circuítos

A ampliación dos tres circuítos existentes a seis. Os xogos que se van implementar revestirán maior dificultade que os xa instalados na procura de satisfacer as expectativas dun maior espectro de usuarios.


Así, un dos novos circuítos estará equipado cos seguintes elementos: rocódromo, rondinos locos, ponte de corda, unha tirolina de 17 metros e outra de 200 metros. O circuíto 2 disporá de: unha escaleira de cordas, unha parede de paso, un trapecio sentado, unha ponte balancín e un cable de equilibrio. O circuíto 3 levará: unha escaleira de cordas, lianas múltiples, rede de troncos e tirolina de 150 metros.


O prazo de execución son dous meses.