A V Carreira Popular Pilar Barreiro Senra reunirá a 363 corredores/as o domingo 3 de novembro en Lousame

A V Carreira Popular Pilar Barreiro Senra reunirá a 363 corredores/as o domingo 3 de novembro en Lousame

Escrito el 01/11/2019


A V Carreira Popular Pilar Barreiro Senra, que terá lugar durante a mañá do domingo 3 de novembro, contará coa participación de 363 corredores e corredoras. Unha proba cuxa carreira absoluta sairá ás 11:45 horas e na que a entrega de premios será ás 13:20 horas. O concelleiro de Deportes de Lousame, Jesús Martínez, recoñece que “estaremos cun ollo posto no ceo para ver se temos sorte e aguanta sen chover, cando menos durante as probas dos nenos e nenas” e considera que a confirmación das malas previsións meteorolóxicas prexudicaron o bo ritmo das inscricións.

 

A V Carreira Popular Pilar Barreiro Senra está organizada polo Concello de Lousame e conta coa colaboración de Protección Civil de Lousame, o voluntariado de Lousame, Cruz Vermella Noia, Gadis, Autos Patiño Noia, Rótulos Ageitos, Correr en Galicia, Xunta de Galicia e Deputación Provincial da Coruña.

 

Horarios

 

A recollida de dorsais levarase a cabo o domingo, a partir das 9:00 h., na Praza Teodomiro Hidalgo e será imprescindible presentar o DNI para a súa retirada. Ademais de polo dorsal, os participantes estarán identificados por un chip que deberán colocar nas zapatillas antes da saída. O feito de non levalos ou participar co dorsal doutra persoa dará lugar á descualificación do corredor.

 

As probas escolares darán comezo ás 10:15 horas coas categorías infantil/cadete que percorrerán unha distancia de 1.800 metros. Ás 10:40 horas sairán os corredores da categoría Alevín para percorrer unha distancia de 1 quilómetro. Ás 11:00 horas terá lugar a carreira de 500 metros dos benxamíns; e ás 11:10, a dos prebenxamíns ao longo de 200 metros. Despois tocaralles aos Chupetes cubrir 50 metros (11:20 horas). Ás 11:45 terá lugar a proba xeral, na que os xuvenís cubrirán 5 quilómetros, os junior/promesa 10 km e os senior/veteráns elixiron entre 5k e 10k no momento da inscrición.

 

O Concello de Lousame entregará medallas a todos os participantes das categorías chupete, prebenxamín, benxamín e alevín, é dicir, rapaces e rapazas menores de 11 anos. Na proba 5k haberá trofeos para os tres primeiros homes e mulleres da carreira absoluta 5k (categoría única), para os tres primeiros/as clasificados/as locais e para os tres primeiros clasificados/as das categorías xuvenil masculino e feminino.

 

Na proba 10K haberá trofeos para os tres primeiros clasificados, mulleres e homes, das categorías junior, promesa, xeral, senior, veteranos (A, B e C) e aos 3 mellores atletas locais (homes e mulleres). Ademais, haberá premio especial aos participantes máis veteranos (home e muller) e ao club máis numeroso. Os premios serán acumulativos. Ademais, todos os participantes serán agasallados cunha camiseta técnica conmemorativa da proba.

 

Todas elas terán como saída e chegada a estrada Portobravo-Tállara. O Concello de Lousame entregará medallas a todos os participantes menores de 11 anos. Tamén haberá trofeos para os 3 primeiros homes e mulleres da carreira absoluta, outros 3 trofeos para os gañadores de cada unha das 9 categorías restantes (tanto para homes como para mulleres) e trofeos especiais aos participantes máis veteranos e aos tres mellores atletas de Lousame na categoría absoluta (tanto home como muller). Os premios non serán acumulativos.

 

Todos os participantes serán agasallados cunha camiseta técnica conmemorativa da proba. O Concello de Lousame porá a disposición dos corredores/as un servizo de gardería e servizo de duchas no polideportivo Pilar Barreiro Senra. A entrega de premios terá lugar a partir das 13:20 horas na praza do Concello (ou no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra en caso de forte choiva).

 

Cortes de tráfico

 

Por outra banda, o Concello de Lousame informa de que por mor da celebración da carreira, procederase ao corte temporal de cinco estradas. Así, a estrada municipal Portobravo-Sanguiñal (dende o PK 0 ata o PK 2,2) estará cortada dende as 6:00 ata as 14:00 horas, xa que acollerá todas as probas, así como o arco de saída e meta. Tamén estará cortada, neste caso entre as 8:00 e as 14:00 horas, a estrada CP-4201 (dende o PK 0 ata o PK 0,3 –o que vén sendo a estrada de acceso ao Concello).

 

Tamén haberá cortes puntuais durante o desenvolvemento da proba absoluta, é dicir entre as 11:15 e as 13:30 horas, noutras tres estradas: estrada municipal Berrimes-Portobravo, estrada CP-4202 (do PK 2,9 ao PK 3,3) e da AC-308 (do PK 14,620 ao PK 14,580).