PACO CASAL EXPORÁ “MOMENTOS” NO CENTRO CULTURAL LUSTRES RIVAS DE RIVEIRA

PACO CASAL EXPORÁ “MOMENTOS” NO CENTRO CULTURAL LUSTRES RIVAS DE RIVEIRA

Escrito el 06/11/2019


O Centro Cultural Lustres Rivas vai albergar do 15 de novembro ao 4 de xaneiro unha nova exposición: “Momentos”, de Paco Casal.

 

Nesta mostra o artista achegará ao público preto de trinta obras variadas en canto a técnica e formato tales como acrílicos ou gravados sobre linóleo, gravados 3D sobre papel artesanal ou gravados ao ácido ou en talla pvc ademais de barrís ou toneis con pintura sintética e esmaltes para exterior, moitas delas seleccionadas ou premiadas en certames como a Bienal José Luis Fernández, Certame Internacional de Gravado Fundación Pedro Vivanco da Rioxa ou no Premio Atlante de Gravado do Museo de Artes-Riveira.

 

Nado en Ferrol en 1956 e afincado en Aguiño, Paco Casal comezou a pintar en 1985 estudando a obra de Vázquez Doce. Dentro da súa formación artística ten referenciado numerosos talleres, cursos e encontros de arte, tanto de pintura como de gravado. Expón regularmente dende o ano 1990 e a súa obra ten sido premiada e seleccionada en gran número de certames de pintura e gravado, ademais de formar parte de coleccións particulares e institucionais.

 

“Momentos” é a terceira mostra de Casal no Centro Cultural Lustres Rivas. A primeira tivo lugar en febreiro de 2015 (“Realidades máxicas”)  e en xullo de 2016 participou nunha exposición conxunta co escultor rianxeiro Nuco Losada baixo o título “A Galicia máxica”.

 

O acto inaugural terá lugar ás 21 horas. A entrada é libre. O horario de apertura será de luns a venres de 10 a 14 e de 19 a 21 horas e os sábados de 11 a 14 e de 19 a 21 horas.

 

Será a décima mostra organizada este ano pola área de Cultura no Lustres Rivas que recibiu no 2019 ata o día de hoxe 3.165 visitas; ademais de ofrecer outras exposicións de temática variada no Museo Municipal, Museo do Gravado ou Casa do Concello.