A Deputación acolle unha xornada sobre oportunidades de financiamento europeo para proxectos turísticos

A Deputación acolle unha xornada sobre oportunidades de financiamento europeo para proxectos turísticos

Escrito el 07/11/2019


Alcaldes, concelleiros e técnicos dos concellos da provincia da Coruña participaron esta mañá, na sede da Deputación da Coruña, na quinta edición das xornadas “Europa na provincia da Coruña”, organizadas polo centro Europe Direct da institución provincial e centradas temáticamente nesta ocasión nas oportunidades de financiamento europeo para proxectos turísticos impulsados polas administracións locais.

 

A xornada foi inaugurada polo vicepresidente e responsable da área de Turismo da Deputación, Xosé Regueira, que destacou “o importante esforzo inversor” que realiza a Deputación en cuestións coma a “mellora da calidade dos nosos xeodestinos e dos Camiños de Santiago, en colaboración co Xacobeo”.

 

Regueira subliñou tamén que “a gran maioría dos técnicos de Turismo” que traballan nos concellos coruñeses son contratados grazas ás liñas de subvencións da Deputación para esta cuestión e destacou que “os retos de futuro do sector van alén da mera promoción do destino e pasan por ofrecer un modelo turístico sustentable, responsable e respectuoso co medio ambiente”.

 

“Os criterios de sustentabilidade son o marco rector da planificación turística da Deputación”, afirmou Regueira, que agradeceu ao servizo de Europe Direct o seu traballo para achegar aos concellos as oportunidades de financiamento europeo para proxectos no eido do turismo.

 

Esta cuestión foi analizada en detalle polo Daniel Ugarte Otero, project adviser do programa europeo COSME e Ana Sánchez Cambón, da dirección xeral de Política Rexional da Comisión Europea, que explicaron que a Unión Europea cofinancia proxectos transfronteirizos de turismo sustentable que teñen como obxectivo diversificar a oferta europea de turismo. Precisamente Galicia, como parte integrante da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal, está experimentando nos últimos anos un importante desenvolvemento que da conta do importante potencial que existe, xa que a singularidade e riqueza do noso patrimonio natural, cultural e mesmo gastronómico, posiciónanos como un destino turístico emerxente.

 

Destacouse tamén o enorme impacto que ten o Camiño de Santiago. No que vai de ano, chegaron a Santiago de Compostela 328.892 peregrinos, máis que en todo 2018, e espérase que finalice o ano alcanzando os 350.000.

 

Os distintos ponentes da xornada incidiron tamén na importancia económica do sector turístico, que engloba a 2,3 millóns de empresas na Unión Europea e dá traballo a máis de 12 millóns de persoas, xerando un 3,9% do PIB da UE.

 

Destacouse que España foi o destino turístico máis común dentro de UE para as persoas que viaxaron fóra do seu país en 2018, concentrando o 20% do total das pernoctacións en establecementos de aloxamento turístico da UE.

 

Experiencias de boas prácticas

 

Durante a xornada expuxéronse tamén proxectos de boas prácticas coma a recuperación e valorización do patrimonio marítimo, militar e industrial do litoral atlántico, explicado pola concelleira de Turismo de Ferrol, María Teresa Deus; os chamados “destinos turísticos intelixentes” ou a WAOH Route.