Lousame conmemorará o 25N coa V Andaina contra a violencia de xénero, a elaboración dunha curtametraxe por parte do alumnado do colexio e un espectáculo teatral pedagóxico

Lousame conmemorará o 25N coa V Andaina contra a violencia de xénero, a elaboración dunha curtametraxe por parte do alumnado do colexio e un espectáculo teatral pedagóxico

Escrito el 08/11/2019


A concelleira de Igualdade de Lousame, Silvia Agrafojo, presidiu esta mañá a sexta reunión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Lousame. Unha reunión na que participaron Julio César López González, sarxento Garda Civil-Posto de Noia; Avelino Rivadulla, garda civil encargado das vítimas de VIOGEN; Julia Veiro Justo, psicóloga do CIM de Noia; Natividad Hermo Santos, traballadora social de Lousame; e Mónica Castaño Ourille, técnica da Concellería de Igualdade, xa que dende o centro de saúde e do colexio escusaron a súa presenza.

 

Un encontro no que todas as persoas integrantes da Mesa tomaron a palabra para informar e compartir experiencias sobre as distintas actuacións levadas a cabo pola súa entidade no ámbito municipal de Lousame. Así mesmo, Silvia Agrafojo aproveitou para dar conta das actuacións que está a desenvolver o Concello de Lousame en colaboración co CPI Cernadas de Castro a prol da sensibilización e prevención da violencia contra as mulleres, así como para adiantar o programa de actividades programadas para as vindeiras semanas co gallo da conmemoración do 25 de Novembro.

 

Programa de sensibilización

 

Silvia Agrafojo explicou que “neste último trimestre do ano, o Concello de Lousame, en colaboración co CPI Plurilingüe Cernadas de Castro, está desenvolvendo un programa subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade con actividades de sensibilización dirixidas á poboación infantil e xuvenil, de 3 a 16 anos, para favorecer a coeducación e a promoción da igualdade de oportunidades que fomenten a desaparición dos estereotipos de xénero e fomenten o uso axeitado da Internet, o bo trato e unha mellor convivencia familiar e na escola. Un programa que tamén se dirixe ás familias do alumnado”.

 

Entre os contidos que está a traballar o alumnado figuran catro obradoiros, que culminarán coa elaboración dunha curtametraxe cooperativa por parte da rapazada de Infantil, Primaria e Secundaria que recollerá os traballos realizados nas outras catro actividades. Esta curtametraxe, titulada “Engánchate con nós”, será proxectada no salón de usos múltiples do colexio lousamiá nunha data aínda por determinar.

 

Ata entón, e durante seis sesións, desenvolvéronse catro obradoiros: “Que facemos na Rede” para Primaria e Secundaria, onde analizaron os riscos aos que se expoñen na Internet e a importancia da seguridade e de saber que información comparten; “Engánchate ao bo trato”, dirixido a 6º de Primaria e 1º da ESO no que traballaron aspectos como a empatía, as estratexias para afrontar o conflito e como desenvolver unha comunicación eficaz; “Entendámonos”, tamén para 6º de Primaria e 1º da ESO no que falaron sobre o autocoñecemento e na promoción da confianza nun mesmo para fomentar así o respecto á diversidade e aos demais; e “Como te ves?”, para o alumnado de Secundaria, no que traballaron a imaxe que teñen deles e delas e como pensan que os ven os demais, analizando cuestións como os estereotipos de xénero e os ideais de beleza nos medios de comunicación e na publicidade.

 

Para as familias, o Concello de Lousame está a desenvolver as xornadas formativas “Navegando en familia”, das que aínda quedan tres sesións por celebrar; e organizou dous talleres familiares “A que xogas”, para que os pais coñezan os videoxogos aos que xogan os seus pequenos; e “Claves para educar en igualdade”, para analizar os aspectos clave da educación dos nenos e nenas.

 

25 novembro

 

Finalmente, Silvia Agrafojo fixo un adianto da programación para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.  Así, o domingo 24 de novembro terá lugar a quinta Andaina contra a violencia de Xénero, de participación totalmente gratuíta. “O ano pasado participaron máis de cen persoas e este ano faremos unha ruta de 9 quilómetros saíndo ás 11:00 do pavillón de Cruído cun percorrido por Pastoriza, O Castro, río Vilacoba, papeleiras de Fontán e Brandía, Portobravo e rematando no Pavillón. Un roteiro de dificultade media baixa para que toda a poboación, adultos e rapaces, poida participar e amosar o seu apoio na loita contra a violencia machista”, explicou a concelleira de Igualdade lousamiá.

 

Así mesmo, Silvia Agrafojo anunciou que a Secretaría Xeral de Igualdade, no marco do acordo de colaboración que ten asinado coa FEGAMP, escolleu Lousame para a conformación dunha Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero. “O noso concello foi seleccionado para desenvolver un espectáculo teatral pedagóxico chamado Golpes, coa actriz Estíbaliz Veiga, no que analiza o impacto da violencia de xénero na adolescencia e tenta concienciar á mocidade na súa prevención”, explica a concelleira. Este espectáculo terá lugar na Casa da Cultura o 19 de decembro, ás 12:30 horas, e estará dirixido ao alumnado do CPI Cernadas de Castro.

 

Por último, a mesa acordou fixar o venres 8 de maio de 2020 como data para a vindeira xuntanza ordinaria.