A Deputación da Coruña maniféstase contra o negacionismo da violencia machista

A Deputación da Coruña maniféstase contra o negacionismo da violencia machista

Escrito el 02/12/2019


Cos votos de todos os grupos representados no pleno, a Deputación da Coruña aprobou unha declaración institucional que inclúe un posicionamento contra o negacionismo e a favor da esixencia do cumprimento do Pacto de Estado sobre a violencia machista. Ademais, a institución comprométese a incrementar recursos na loita contra o feminicidio, o que tamén reclama doutras administracións".

 

"A violencia de xénero existe e quen o nega ou pretende diluíla noutros tipos de violencia fan un fraco favor ás vítimas", recolle o texto da declaración institucional que foi aprobada este luns no Pleno da Deputación cos votos do PSdG-PSOE, BNG, Partido Popular, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños.

 

Neste sentido, a declaración institucional recoñece a violencia machista como "un problema de primeira orde" e inclúe as alarmantes cifras da ONU que contemplan que unha de cada tres mulleres sufriu violencia física ou sexual, de maneira especial por parte do seu compañeiro sentimental.

 

O documento aprobado por todos os grupos do pleno da Deputación apunta tamén que "non podemos permitirnos pasos atrás" na loita contra a violencia machista e denuncia a "insuficiencia nos recursos de intervención e atención". Por iso, un dos puntos da declaración institucional contempla o compromiso da Deputación da Coruña, segundo se inclúe no texto, a "seguir incrementando os programas e recursos que poñemos a disposición de concellos e entidades ao longo do ano no marco do Plan de Igualdade que acabamos de aprobar e reafirmamos o noso compromiso en colaborar e coordinarnos co resto de administracións implicadas para deste xeito mellorar a resposta que ofrecemos".

 

A Deputación reafirma o compromiso coa igualdade real entre homes e mulleres a a súa loita para a eliminación da violencia contra as mulleres e demandará das administracións con competencias incremento dos recursos económicos e persoais destinados a loitar contra a violencia de xénero.

 

A declaración institucional solicita a mellora da atención e prevención de "todas as formas de violencia machista garantindo a gratuidade da atención xurídica ás vítimas de violencia sexual, desenvolvendo programas específicos de formación e campañas de prevención e sensibilización na mocidade".

 

A Deputación da Coruña esixirá tamén o cumprimento do Pacto e Estado contra a violencia machista por parte de todas as administracións implicadas así como a inmediata reactivación da comisión parlamentaria no Congreso para facer o seguimento do pacto coa periodicidade que necesita o acordo.