O pleno da Deputación da Coruña aproba 1,1 millóns de euros para a mellora da seguridade vial en estradas de Pontedeume, Dumbría e Outes


O pleno da Deputación da Coruña aproba 1,1 millóns de euros para a mellora da seguridade vial en estradas de Pontedeume, Dumbría e Outes

Escrito el 02/12/2019


O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe, por unanimidade de todos os grupos políticos, investimentos por importe de 1.107.980 euros para a mellora da seguridade vial en estradas provinciais dos concellos de Pontedeume, Dumbría e Outes.

 

As obras de Pontedeume, cun orzamento de 310.384,07 euros, consistirán na ampliación da calzada e construción dunha senda peonil na estrada DP 0906, entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+533. A calzada, que actualmente ten un ancho de apenas 5 metros, será ampliada ata os 7 metros e executarase unha senda de formigón de 533 metros na marxe esquerda, un tramo no que existen numerosas vivendas e no que ubica o colexio público de Andrade, polo que é necesario garantir a seguridade dos escolares e do transporte escolar que circula pola zona.

 

En Dumbría, a Deputación investirá 377.588,41 euros para rematar as obras de mellora da seguridade vial na DP 3402 de Bustelo a Caberta por Salgueiros. As obras suporán o ensanche e acondicionamento do vial, dotándoo de carrís de tres metros de ancho e beiravías laterais, así como beirarrúas de baldosa hidraúlica de dous metros de ancho en varios tramos e zonas de estacionamento para vehículos. O proxecto inclúe tamén a construción de rede de recollida de pluviais e canalización do alumeado público.

 

O pleno de hoxe aprobou tamén un investimento de 420.008,90 euros para rematar as obras de humanización da avenida de San Campio, na Serra de Outes, que quedaron sen rematar por incumprimento dos prazos de execución da anterior empresa adxudicataria.

 

A actuación consistirá na mellora da travesía da Serra de Outes, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+340, mediante a renovación das beirarrúas existentes, que se executarán con loseta hidraúlica, e a capa de rodaxe da estrada que será dotada dunha capa de mestura bituminosa en quente.

 

A canalización de pluviais e saneamento executarase con tubería de PVC de 315 mm de diámetro e dotarase ao tramo de nova sinalización horizontal e vertical.