CONDE DESTACA NOS PREMIOS DO COMERCIO GALEGO O COMPROMISO DO SECTOR POR INNOVAR E RESPONDER ÁS NOVAS DEMANDAS DOS CLIENTES

CONDE DESTACA NOS PREMIOS DO COMERCIO GALEGO O COMPROMISO DO SECTOR POR INNOVAR E RESPONDER ÁS NOVAS DEMANDAS DOS CLIENTES

Escrito el 10/12/2019


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe na entrega dos Premios do Comercio Galego 2019 o compromiso do sector por innovar e responder ás novas demandas dos consumidores. Neste sentido, Conde sinalou a necesidade de poñer o cliente no centro da estratexia. Esta é a filosofía que guía Comercio 360, iniciativa coa que a Xunta aposta tanto pola dixitalización como pola sustentabilidade, e á que se destinan 5,6 millóns de euros nos orzamentos de 2020. Ademais, tal e como sinalou Conde, o vindeiro ano reforzarase o comercio no rural, coa creación de puntos de recollida que permitan ter unha actividade máis competitiva, e avanzarase na consolidación da Rede de Comercios e Mercados no Camiño. Tamén se contemplan apoios para mercados e espazos comerciais ou a promoción de produtos galegos con especial atención á artesanía.

 

O conselleiro, que destacou o papel cohesionador e integrador do comercio de proximidade nas cidades e vilas galegas, sinalou que os establecementos premiados hoxe son exemplo da importancia de adaptarse aos novos tempos, transformando os negocios seguindo o ritmo das necesidades dos consumidores e empregando as mellores ferramentas dispoñibles para alcanzar ese obxectivo.