O Concello de Noia concede máis de 21.000 € en axudas para o transporte a 96 estudantes universitarios ou de ciclos de formación

O Concello de Noia concede máis de 21.000 € en axudas para o transporte a 96 estudantes universitarios ou de ciclos de formación

Escrito el 11/12/2019


O Concello de Noia vén de publicar hoxe na súa páxina web a resolución da convocatoria das axudas para o transporte de estudantes durante o curso académico 2019-2020. Unhas axudas nas que o departamento dirixido por Mariola López Cierto investirá un total de 21.322 euros, toda vez que foron concedidas a un total de 96 alumnos e alumnas de Noia que cursan estudos universitarios ou de ciclos de formación fóra do municipio.

 

As axudas consisten nunha cantidade trimestral fixa segundo a distancia á vila onde se desenvolvan os estudos, dos 20,6 euros por desprazarse ata Porto do Son aos 151,2 euros por ir estudar a Lugo. Deste xeito, Santiago é a localidade máis demandada polos noieses, con 43 solicitudes e un investimento de 4.411,8 euros; porén A Coruña, segunda cidade elixida por maior número de estudantes (28), é a que alcanza a maior inversión: 8.870,4 euros. Séguenas de lonxe cidades como Vigo (6), Ourense (5), Lugo (4), Ferrol (3), Pontevedra e Ribeira (2) e Padrón, Porto do Son e Pobra do Caramiñal con 1 cada un.

 

Das 100 solicitudes presentadas, a comisión avaliadora desestimou catro por non cumprir coas bases da convocatoria: dúas por superar os ingresos brutos per cápita da unidade familiar (1,5 veces o salario mínimo interprofesional) e outras dúas por non ter achegado a documentación precisa nin ter cumprimentado os requirimentos de emenda realizados.