O Concello de Lousame repartirá 42 unidades de composteiro para a reciclaxe de residuos orgánicos o próximo martes na Casa da Cultura

O Concello de Lousame repartirá 42 unidades de composteiro para a reciclaxe de residuos orgánicos o próximo martes na Casa da Cultura

Escrito el 11/12/2019


O Concello de Lousame, xunto coa Mancomunidade Serra do Barbanza, participa nunha campaña de sensibilización e formación ambiental para lograr reducir a cantidade de residuos que xeramos no municipio e mellorar a revalorización dos xa producidos. Por iso, o vindeiro martes 17 de decembro, ás 11:30 horas, a Casa da Cultura acollerá a presentación da Campaña de Compostaxe Doméstica do Concello de Lousame, durante a que se repartirán un total de 42 unidades de composteiro entre outras tantas familias de Lousame.

 

O concelleiro de Medio Ambiente, Ramón Martínez Rial, explica que “o obxectivo é fomentar a reciclaxe dos residuos orgánicos que xeramos nos nosos fogares polo que a campaña estará aberta á participación de 42 familias que estean interesadas. A participación é totalmente gratuíta, se ben é preciso inscribirse previamente no 918 820 494, xa que as familias participantes serán elixidas por rigorosa orde de inscrición no Concello”.

 

Durante o martes 17 de decembro, esas 42 familias participarán nunha xornada formativa para ofrecerlles os coñecementos precisos para desenvolver correctamente a reciclaxe nas súas vivendas. “Deste xeito, esas familias poderán xestionar nas súas casas os residuos orgánicos que xeran e obterán un fertilizante natural e de calidade que poderán empregar nas súas hortas”, apunta o concelleiro de Medio Ambiente.