A Deputación da Coruña apoia con 143.000 euros a 21 agrupacións de Protección Civil da provincia

A Deputación da Coruña apoia con 143.000 euros a 21 agrupacións de Protección Civil da provincia

Escrito el 12/12/2019


A Deputación da Coruña apoia este ano con 143.000 euros a actividade de 21 agrupacións de Protección Civil da provincia da Coruña para “fomentar a importante labor e o gran servizo público que prestan, especialmente no ámbito rural, os voluntarios destes servizos”, segundo afirmou o presidente, Valentín González Formoso.

 

O BOP publica hoxe a concesión dunha das liñas de subvencións dirixidas a asociacións e agrupacións de Protección Civil dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Esta liña supón axudas por importe global de 59.800 euros das que se beneficiarán as agrupacións de Dumbría, Porto do Son, Mazaricos, A Laracha, Coristanco, Muros, Oroso, Val do Dubra e a Asociación de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil.

 

Esta cantidade súmanse ás axudas para investimentos xa concedidas, por importe de 83.234,85 euros, coas que outras doce bases reciben este ano a axuda da Deputación para adquirir novos equipos, ferramentas e elementos de transporte e comunicacións necesarios para desenvolver a súa labor en rescates e intervencións.

 

Nesta convocatoria, as agrupacións que contaron co apoio da Deputación foron as de Carral, Zas, Bergondo, Xallas, Abegondo, Vimianzo, Vedra, Betanzos, Muxía, A Pobra do Caramiñal, Vilsantar e Negreira.