A XUNTA PON A DISPOSICIÓN DO SECTOR MARISQUEIRO UN MILLÓN DE EUROS PARA AXUDAS DE REXENERACIÓN DAS SÚAS ZONAS DE TRABALLO

A XUNTA PON A DISPOSICIÓN DO SECTOR MARISQUEIRO UN MILLÓN DE EUROS PARA AXUDAS DE REXENERACIÓN DAS SÚAS ZONAS DE TRABALLO

Escrito el 15/12/2019


A Consellería do Mar destina un millón de euros en axudas a distribuír nas anualidades 2020 e 2021 para apoiar ao sector marisqueiro no desenvolvemento de proxectos colectivos para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños das súas zonas de traballo. Destas achegas poden beneficiarse as confrarías, organizacións de produtores e entidades asociativas do sector que sexan titulares de plans marisqueiros en réxime de coxestión e teñan a sede social en Galicia. As solicitudes de axudas poderán presentarse ao longo de todo o ano.

 

O apoio poderá acadar o 100% do investimento subvencionado e coas achegas favorécese o desenvolvemento de proxectos colectivos en Galicia e que teñen por obxecto recuperar hábitats mariños e costeiros en favor de poboacións de especies de interese marisqueiro ou que contribúen a unha mellor xestión ou conservación dos recursos biolóxicos mariños.

 

Entre as accións que se apoian están as centradas en hábitats costeiros de importancia para a reprodución de organismos mariños e as destinadas á redución da contaminación física e química. Tamén as medidas de conservación que busquen protexer e conservar a flora e fauna, incluída a repoboación de especies autóctonas, aplicando os principios da infraestrutura verde da Comisión Europea. Outras accións susceptibles de axuda son as dedicadas a previr, controlar ou eliminar especies exóticas invasoras.

 

Solicitudes

As solicitudes de axudas pódense presentar ao longo do período do programa operativo do FEMP ata o 1 de marzo de 2020. Poderase realizar unha primeira adxudicación coas solicitudes presentadas ata o 1 de marzo e, de non esgotarse o crédito, poderá realizarse unha segunda adxudicación coas presentadas ata o 1 de setembro. As solicitudes con data de presentación a partir do 2 de setembro quedarán para a seguinte convocatoria.

 

A orde que fixa o crédito da convocatoria de 2020 destas achegas saíu publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia  e os interesados en pedir as axudas poden consultar os requisitos e a documentación necesaria na orde que as regula, publicada no Diario Oficial de Galicia do 4 de febreiro de 2019. A presentación das solicitudes farase por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).