DESMONTADA E LIMPADA TODA A REDE DE PLUVIAIS DA PRAZA DE ESPAÑA PARA SOLUCIONAR OS SEUS PROBLEMAS DE ASOLAGAMENTO

DESMONTADA E LIMPADA TODA A REDE DE PLUVIAIS DA PRAZA DE ESPAÑA PARA SOLUCIONAR OS SEUS PROBLEMAS DE ASOLAGAMENTO

Escrito el 18/12/2019


A praza de España —a máis ampla da cidade de Santa Uxía— viña rexistrando frecuentes problemas de asolagamento e, en vista de que os remedios convencionais para arranxar este tipo de eivas non surtían efecto, o Concello de Riveira vén de efectuar unha actuación en profundidade coa fin de buscar unha solución definitiva.

 

Tal intervención consistiu na desmontaxe de toda a rede de drenaxe de augas pluviais para realizar unha limpeza a fondo dos tubos que a compoñen. De resultas deste labor apareceron no seu interior materiais impropios (de obra, especialmente, como por exemplo restos de morteiro) nesta clase de canalizacións.

 

Unha vez reinstalado o sistema, de momento está a responder moi ben á actuación emprendida e non se están producir episodios de enchoupamento pese ás altas precipitacións caídas esta semana.