UNHA MILLA SOLIDARIA A BENEFICIO DE AGADEA ENSALZA A MEMORIA DAS HEROÍNAS DE SÁLVORA ÁS PORTAS DO CENTENARIO DO SANTA ISABEL

UNHA MILLA SOLIDARIA A BENEFICIO DE AGADEA ENSALZA A MEMORIA DAS HEROÍNAS DE SÁLVORA ÁS PORTAS DO CENTENARIO DO SANTA ISABEL

Escrito el 23/12/2019


O 2 de xaneiro de 2021 cumprirase un século dende o afundimento do vapor Santa Isabel en augas da ría de Arousa e, ás portas desta efeméride, o Concello de Riveira está a organizar un novo certame deportivo que, ademais de posuír unha vocación benéfica, busca recordar este acontecemento histórico e ensalzar o papel daquelas que co seu valente comportamento evitaron que a traxedia fose aínda maior . Trátase da Primeira Milla Solidaria ‘Heroínas de Sálvora’, que terá lugar o vindeiro 5 de xaneiro na localidade de Aguiño coa intención de que consolide no tempo como unha das primeiras competicións atléticas no calendario anual a disfrutar polos afeccionados.

 

A concelleira de Deportes, Juana Brión; Abraham Benítez, principal impulsor da iniciativa; e Noelia Riaño no nome da Asociación Galega para Axuda aos Enfermos con Demencia tipo Alzhemimer (Agadea), foron os encargados de presentar esta carreira que terá 1.609 metros de percorrido na proba master, que arrancará ás 12.45 horas.

 

Antes, a partir das 11 horas, sucederanse outras categorías con distancias menores: biberón (200 metros), prebenxamín (400 metros) e sub 10-sub 12 (1.000 metros). A partir das 11.45 horas terán lugar outras catro carreiras máis, todas de 1.609 metros e separadas por intervalos dun cuarto de hora: sub 14-sub 16, sub 18-sub 20, sub 23-senior mixta e zapatilla inclusiva para persoas con diversidade funcional.

 

Juana Brión destacou que a cita descorrerá por un circuíto moi fermoso e lembrou que ata o ano 2003 o noso municipio contaba cunha proba dunha milla, distancia que agora se quixo recuperar.

 

Inscricións

As inscricións pódense formalizar a través da páxina web www.galitiming.com ata o xoves 2 de xaneiro ás 23.59 horas. Para as categorías sub 14 e superiores cobraranse 5€ en concepto de organización, sendo gratuítas no resto de modalidades, se ben no momento da recollida do dorsal agradecerase unha donación solidaria a beneficio da asociación Agadea.

 

A organización do evento conta coa colaboración das asociacións Ambar, Arousa Neo e Veciños de Carreira, ademais de Construcciones Aguiño, Bar Tenerife de Carreira e Panadería Os Curros de Castiñeiras.