O Concello de Lousame organizará unha Cabalgata de Reis polas parroquias na mañá e unha Festa de Reis na tarde do 5 de xaneiro

O Concello de Lousame organizará unha Cabalgata de Reis polas parroquias na mañá e unha Festa de Reis na tarde do 5 de xaneiro

Escrito el 02/01/2020


O Concello de Lousame volverá levar a Cabalgata de Reis ás distintas parroquias do municipio por segundo ano consecutivo na mañá do domingo 5 de xaneiro, ao tempo que mantén o tradicional Festival de Reis no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra, de 17:00 a 20:00 horas.

 

A cabalgata comezará a súa viaxe na pista polideportiva de San Xusto o domingo 5 de xaneiro ás 9:30 horas, dende onde a comitiva real se desprazará ás pistas polideportivas de Lesende (10:00 horas) e Vilacoba (10:30 horas). O atrio da Igrexa de Fruíme será o punto de encontro nesta parroquia ás 11:30 horas, mentres que ás 12:00 horas as Súas Maxestades chegarán a Aldeagrande (Lousame). Os dous últimos puntos de encontro serán o campo da festa de San Roquiño (Tállara) e Corral de Abaixo (Camboño), ás 12:30 e 13:30 horas, respectivamente.

 

Festival de Reis

 

Xa pola tarde, entre as 17:00 e as 20:00 horas, o polideportivo municipal “Pilar Barreiro Senra” acollerá o Festival de Reis. A Concellería de Cultura ten preparado un amplo programa de actividades que inclúe un parque infantil con inchables e xogos, visita dos Reis Magos e lambonadas para os máis cativos. Ademais, todos os asistentes poderán participar nunha degustación gratuíta de chocolate con churros.

 

Para facilitar a asistencia do maior número posible de veciños e veciñas, o Concello de Lousame porá á súa disposición un servizo gratuíto de transporte: haberá 3 autobuses que, a partir das 16:00 horas, comezarán a recoller aos veciños e veciñas polas parroquias nas paradas habituais do colexio. A hora de regreso está prevista para as 20:00 horas.

 

O Autobús A fará un percorrido por Servia, Comparada, Xestoso, Aldariz, Burzó, Millón, Zaramagoso, Ardeleiros, Escabia, Fruíme, Vilas, Silvarredonda, Minas de San Finx, Gandarela, Ces, Chave, Filgueira e Aldeagrande. O Autobús B sairá de Fontefría e percorrerá Sedofeito, Sabugueiro, San Xusto, Béxeres, Horta, Cairo, Lesende, Mirón, Vilar de Reconco, Vilacova, Cerquides e Castro. Finalmente, o autobús C pasará por Crons, Corral de Abaixo, Soutelo, Arxellas, Vilar de Tállara, Ponte San Francisco, Merelle, Meixonfrío, Barreira, Guiende, Pascual, Igrexa, Cernande, Abeixón, Carantoña, Sanguiñal, Marracín, Maxide, Berrimes, Portobravo e Croído.