O Concello de Noia traballa na creación dunha rede de voluntariado local e na dinamización da Casa da Xuventude

O Concello de Noia traballa na creación dunha rede de voluntariado local e na dinamización da Casa da Xuventude

Escrito el 03/01/2020


O alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, e a concelleira de Xuventude, Laura Salgado García, veñen de reunirse coa directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel Toimil, para solicitar a colaboración desta Dirección Xeral nas actividades que ten previsto programar durante este ano 2020.

 

“Aproveitamos o encontro para pedir a colaboración e asesoramento da Dirección Xeral de Voluntariado para crear unha rede de voluntariado en Noia que nos permita desenvolver un maior número de actividades e de iniciativas en beneficio dos nosos veciños e veciñas”, indica Freire Abeijón. Así mesmo, esta rede de voluntariado sería unha forma de que persoas, tanto adultas como novas, cren ou melloren lazos coa comunidade, poñan a proba as súas capacidades, melloren os seus currículos e mesmo teñan acceso a determinados programas de formación.

 

Freire Abeijón apunta que “tamén solicitamos a realización en Noia de actividades e programas xuvenís, así como colaboración para a dinamización da Casa da Xuventude de Noia, onde tamén precisamos melloras nas súas instalacións”. Neste sentido, o alcalde e a concelleira fixeron fincapé na idoneidade de que se realice unha programación coordinada das actividades a levar a cabo durante 2020 entre o Concello de Noia e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.