CURVA ESPAÑA, O NOVO ESPECTÁCULO DE CHÉVERE, EN XIRA NO 2020

CURVA ESPAÑA, O NOVO ESPECTÁCULO DE CHÉVERE, EN XIRA NO 2020

Escrito el 13/01/2020


Curva España, a nova produción de Chévere, continuará a súa xira durante o ano 2020. Así, no mes de xaneiro o espectáculo poderase ver en Vigo (día 16), Pontevedra (día 17), Lugo (día 19), Ourense (días 24 e 25) e Ames (día 31). Ademais, proximamente a obra viaxará a Eibar e Vitoria. No mes de marzo, poderase ver durante 10 días en Teatros del Canal de Madrid.

 

Curva España estreouse o 25 de xullo deste ano na MIT de Ribadavia e foi vista xa por máis de 6.000 expectadores. Este novo traballo de Chévere  está protagonizado por Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, con dramaturxia e dirección de Xron. En escena tamén están Lucía Estévez e Leticia T. Blanco, que se ocupan da gravación e realización de vídeo en directo.

 

Coproducido xunto con Teatros del Canal, a MIT de Ribadavia e o Concello de Teo, a obra trata sobre un crime aparentemente sen resolver, unha morte violenta que provoca sospeitas e interrogantes sobre os seus autores, motivacións e consecuencias. A partir da existencia de distintas versións sobre o caso, artéllase unha peza que bebe do xénero policial, ironiza sobre o formato documental combinando teatro e cine en directo e funciona como unha alegoría da construción do estado nación español coma se fose a promesa dun tren que nunca chegou. Porque a esta zona afastada e fronteiriza España apenas chegou en forma de mito, e o mito fala da súa morte nunha curva.

 

Ficha técnica e artística

En escena: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira. Dramaturxia e dirección: Xron. Gravación e realización de vídeo en directo: Lucía Estévez e Leticia T. Blanco. Iluminación: Fidel Vázquez. Espazo gráfico: Óscar Villán. Españo Sonoro: Xacobe Martínez Antelo. Vestiario: Renata Uzal. Produción: Inés Portela.

Información práctica

As próximas funcións de Curva España serán en:

-Vigo: 16 de xaneiro ás 20.30 h. no Teatro Afundación. Entradas en ataquilla.com

-Pontevedra: 17 de xaneiro ás 20.30 h. no Auditorio Sede Afundación. Entradas en ataquilla.com.

-Lugo: 19 de xaneiro ás 18.30 h. no Auditorio Gustavo Freire. Entradas en www.entradaslugo.es.

-Ourense: 24 e 25 de xaneiro ás 20.00 h. no Teatro Principal. Entradas en www.ataquilla.com.

 

Sobre Curva España, a historia da curva na que se matou España

 

Nos últimos anos, Chévere realizou unha serie de traballos que exploraron as posibilidades do teatro-documento e a memoria colectiva como desencadeantes dunha ficción teatral (Citizen, Eurozone, Eroski Paraíso...). Este novo proxecto é un paso máis para afondar nos mecanismos narrativos que xorden na fronteira entre a realidade e a ficción, entre a historia e a lenda, entre a pantalla e o escenario.

 

Coma outras veces, pártese dunha historia moi local. Nesta ocasión trátase dun relato que se foi transmitindo oralmente de xeración en xeración entre a xente da comarca de Verín (Ourense), durante os últimos noventa anos. Recolléronse in situ os testemuños da xente, os seus recordos e as súas palabras. Organizouse o rexistro de todo este traballo en gravacións sonoras ou en vídeo. E con todo este material Chévere meteuse no local de ensaios para darlle forma teatral. Poñer a historia a proba, reconstruír as voces dos seus protagonistas cos actores e actrices, crear situacións ao seu arredor, escribir sobre a marcha e a pé de escenario o que teñen que dicir.

 

 

Curva España é a traslación á escena dun deses documentais sobre casos sen resolver que inzan as plataformas de contidos audiovisuais tipo Netflix ou HBO. O escenario funciona coma un plató no que se van executando, gravando e editando en directo as distintas secuencias nas que se estrutura a historia. Unha historia que dá para falar da España baleirada, das consecuencias da lei mordaza, da unidade nacional ou de como a xente constrúe narrativas alternativas á historia oficial. Pódese describir como unha obra cinescénica, unha autoficción documental, sen renunciar a seguir facendo un teatro político que fala de nós mesmos e de como as promesas incumpridas do pasado afectan ao presente.