ADXUDICADAS PROVISIONALMENTE AS OBRAS DE REORDENACIÓN DO PASEO DAS CAROLINAS E DO ENTORNO DO PARQUE GARCÍA BAYÓN

ADXUDICADAS PROVISIONALMENTE AS OBRAS DE REORDENACIÓN DO PASEO DAS CAROLINAS E DO ENTORNO DO PARQUE GARCÍA BAYÓN

Escrito el 16/01/2020


A xunta de goberno local reunida hoxe procedeu a adxudicar con carácter provisional as obras de reordenación do paseo das Carolinas e do entorno do parque García Bayón: unha agardada actuación que dá continuidade á recente remodelación do paseo do Malecón e que ten como propósito completar a renovación integral da fachada marítima da cidade de Santa Uxía.

 

Había trece ofertas presentadas e logo de resolver o procedemento de contratación a que obtivo unha mellor clasificación resultou ser Construcciones Ponciano Nieto, S.L.. Así e logo, o importe da actuación vai ascender a 441.833,97 euros (cunha rebaixa do 23,07% sobre o prezo de licitación), que serán financiados por Portos de Galicia en virtude do acordo subscrito co Concello en abril do 2019. O prazo de execución son cinco meses. Agora, falta que a empresa presente a pertinente documentación antes de proceder coa adxudicación definitiva.

 

Proseguindo co espírito da intervención emprendida no Malecón, a actuación a efectuar no paseo das Carolinas persegue o propósito de dar prioridade ao peón sobre o tráfico rodado conferindo a este contorno o carácter urbano que lle corresponde.

 

A tal efecto, redactouse un proxecto técnico que inclúe a habilitación dun único carril de circulación en dirección saída e a ampliación da xardineira central, dotando así á zona de máis espazos verdes. No que atinxe á parte pegada ás vivendas, a área será reordenada dispoñendo aparcamentos en batería e aumentando o espazo de uso destinado aos viandantes.

 

Carril bici do Touro a Coroso

Ademais, pola banda pegada ao porto crearase un carril bici que una o existente no Touro-Malecón co do paseo de Coroso, de tal xeito que toda a banda litoral da cidade sexa perfectamente percorrible en bicicleta coa fin de facilitar así este medio de transporte alternativo.

 

Así mesmo, o proxecto inclúe a implantación de liñas novas de pluviais. Instalarase 180 metros de tubaxe de PVC de 315 milímetros de diámetro, así como 15 acometidas, 45 arquetas e 5 pozos de rexistro.

 

Por outra parte, cómpre recordar que en virtude dun segundo convenio subscrito o pasado 6 de novembro entre Portos de Galicia e o Concello, o ente autonómico se vai encargar de renovar a pavimentación do tramo viario comprendido entre as rotondas de Padín e Amas de Casa (un investimento de 41,796 euros) culminando así totalmente a renovación integral da fachada urbana.