O pleno da Deputación da Coruña rexeita a proposta do PP sobre a AP9 por estar "superada" no acordo do goberno PSOE-BNG

O pleno da Deputación da Coruña rexeita a proposta do PP sobre a AP9 por estar "superada" no acordo do goberno PSOE-BNG

Escrito el 17/01/2020


PSOE, BNG, Alternativa dos Veciños e En Marea votaron en contra da proposta sobre a AP9 do PP por estar "amplamente superada polo acordo do PSOE-BNG para o goberno do Estado". Lamentaron tamén que o PP non retirara a solicitude de celebración do pleno extraordinario cando o acordo de investidura contempla unha bonificación do "100% nas peaxes para os usuarios recorrentes (dúas veces ou máis ao día) tanto particulares como profesionais, durante todos os días da semana"  mentres que o PP solicitaba un 25%.

 

O grupo do PP foi o único que se manifestou a favor da proposta sobre a AP9 para a que solicitaran a celebración do pleno extraordinario. A iniciativa, defendida pola portavoz Rosa Gallego, instaba ao goberno central a implantar unha "bonificación do 25% no custe da peaxe para aqueles usuarios que realizan un mesmo traxecto de ida e volta no mesmo día" así como a instar ao Goberno do Estado á execución do enlace orbital de Santiago, que están superadas no documento que selou o acordo do PSOE e o BNG.

 

"Estamos ante unha situación que parece surrealista, unha convocatoria que parece de hai un ano cando o Orbital  de Santiago aínda non estaba licitado -o que se fixo no Consello de Ministros de abril de 2019- e non estaban aprobadas bonificacións moito maiores que as que agora se solicitan", sinalou o portavoz do PSOE,Bernardo Pérez que criticou ao PP a "falta de rigor ao reclamar só a aquelas administracións nas que non gobernan". Lembrou tamén que "a Xunta continúa a ter vías con peaxes como a AG55 e a AG57 o que fai que haxa galegos de primeira e de segunda".

 

"Este é un pleno inaudito", dixo o vicepresidente da Deputación e deputado do BNG, Xosé Regueira, no inicio dun discurso en que denunciou o intento do PP de "burlarse da opinión pública" cando hai xa aprobado un "acordo de investidura que vai moito máis alá do que propoñen neste pleno coa bonificación do cen por cen das peaxes para usuarios de ida e volta no mesmo día". Lembrou tamén que foi o PP de Aznar o que privatizou a empresa e ampliou ao máximo legal e concesión e tamén quen votou en contra en Madrid ao acordo unánime de transferencia da AP9 aprobado no Parlamento galego. "Afortunadamente para a sociedade galega, a parte propositiva do PP está amplamente superada polo que este pleno podería terse evitado", dixo Regueira.

 

O deputado da Marea Atlántica, Alberto Lema, parabenizou ao BNG na súa intervención polo que, segundo dixo, "é un bo acordo para Galiza, un logro que vai redundar na maioría de galegas e galegos", o que motivou, segundo explicou, a retirada dunha moción sobre a AP9 xa que, ao seu ver, "quedaba xa desfasada". Criticou, pola contra, que o PP non fixera o mesmo, e lembrou que "cando tivo maioría no goberno do Estado e na Xunta fixo gala de sucursalismo e mansedume e agora defende un discurso que desaparece cando teñen maioría en Madrid".

 

Pola súa parte, o deputado de Alternativa dos Veciños, Angel García Seoane, afirmou que o pleno non tiña "sentido ningún cando o acordo do BNG e o PSOE ten máis validez que o que se podía aprobar aquí" e mostrou a súa confianza en que o goberno cumpra con respecto á AP9.