A Deputación converte este verán á Costa da Morte nun “Olimpo ciclista” con difusión internacional

A Deputación converte este verán á Costa da Morte nun “Olimpo ciclista” con difusión internacional

Escrito el 22/01/2020


A Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR) acolleu no día da súa inauguración a presentación de dúas citas de referencia no mundo do ciclismo que este verán se desenvolverán nun escenario único e espectacular: a nova edición do Gran Fondo Ézaro e o regreso de La Vuelta a España á Costa da Morte. No acto participaron o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira e o deputado e alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño Castro, ademais de destacadas figuras do mundo deportivo e do audiovisual.

 

O Gran Fondo Ézaro, que se celebrará o 5 de xullo, e a etapa da Vuelta a España que discorrerá pola Costa da Morte o 1 de setembro foron protagonistas hoxe en Fitur nun acto no que se destacou  a oportunidade que estas citas deportivas ofrecen para promocionar unha paisaxe espectacular dun territorio que ofrece tamén unha gastronomía única, un rico patrimonio histórico, artístico e natural e a posibilidade de vivir experiencias singulares nunha aposta polo turismo de calidade.

 

Xosé Regueira e José Manuel Pequeño participaron no acto de presentación que se desenvolveu no stand de Galicia en Fitur conducido polo xornalista deportivo Terio Carrera e que  contou tamén coa intervención do ciclista Ezequiel Mosquera, os actores Federico Pérez Rey e Antonio Durán “Morris”, o director de La Vuelta, Javier Guillén, o exciclista Óscar Pereiro, o xornalista Javier Ares ou da responsable de Turismo de Galicia, Nava Castro, entre outros.

 

Aposta polo turismo sostible

 

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, defendeu na súa intervención a Costa da Morte como un "un territorio que ofrece a oportunidade de ser coñecido en rutas a pé, en bicicleta ou nunha táboa de surf e que, con estas dúas citas, mostra ao mundo unha paisaxe formidable con recursos de interese turístico único, coma a súa gastronomía e mesmo a xente que habita un territorio que será a mellor herdanza para as vindeiras xeracións". Defendeu así, a aposta "pola sostenibilidade" en productos turísticos de calidade que ofrece a Costa da Morte.

 

Pola súa parte, José Manuel Pequeño convidou a participar nos dous eventos ciclistas que ofrecerán unha oportunidade única para "gozar da extraordinaria paisaxe e promocionar un icono galego a nivel internacional como é o mirador e a cascada do Ézaro, o Monte Pindo e toda a Costa da Morte".

 

Agárdase que nesta nova edición máis de 1.500 corredores se animen a participar no Gran Fondo Ézaro que presenta, entre as súas novidades que anunciou o ciclista e promotor do evento, Ezequiel Mosquera, tres tramos de terra -o que dificulta aínda máis o percorrido- e a  homenaxe a un equipo carismático como é a Once. No acto tamén se nomearon os que serán padriño e madriña desta nova edición do evento deportivo, cargos que recaen no actor Antonio Durán “Morris”, e a concelleira de Dumbría, María Agulleiro.

 

O director de La Vuelta, Javier Guillén, sinalou que a contrarreloxio que atravesará boa parte da Costa da Morte “será especialmente decisiva” á hora de determinar quen gañará unha competición ciclista que, como dixo, "é un evento televisivo, polo que a paisaxe do Ézaro será retransmitida e impresionará a un amplísimo público".

 

Será así tamén o vindeiro  5 de xullo cando os concellos de Dumbría, Cee, Carnota, Muxía, Muros e Vimianzo acollan unha nova edición Gran Fondo Ézaro, unha competición que destaca pola espectacular paisaxe dun percorrido que comeza e remata na fervenza do Ézaro, no concello de Dumbría.

 

A proba, que está xa considerada unha cita de referencia no ciclismo en Galicia, e coincide neste verán co regreso oito anos despois da Vuelta Ciclista de España ao territorio da Costa da Morte que se converte neste ano nun auténtico "olimpo ciclista".

 

O Gran Fondo Ézaro será ademais unha das 30 probas a nivel internacional puntuables para as World Series, a única que se desenvolve en España. Como en anteriores edicións, os participantes poderán escoller entre transitar unha ruta curta (de 80 quilómetros) ou a completa, que alcanza os 149 quilómetros de percorrido.

 

En anteriores edicións, o Gran Fondo Ézaro participaron recoñecidos ciclistas como de Alex Zülle, Tony Rominger, Álvaro Pino, Ángel Casero, Óscar Pereiro, Carlos Sastre, Claudio Chiapucci ou Marino Lejarreta, así como o triatleta Javier Gómez Noya, que gozou e arrasou nas estradas da Costa da Morte. Neste ano, Ezequiel Mosquera adiantou que tamén se darán citas importantes nomes do mundo da bicicleta e incluirá a homenaxe ao equipo da Once.

 

Ademais, no acto que se desenvolveu en Fitur presentouse tamén a etapa da Vuelta a España que na súa edición 75 volve de novo á Costa da Morte. Trátase da edición máis internacional do acontecemento deportivo que disputará as tres primeiras xornadas nos Países Baixos e visitará tamén Francia e Portugal. Significará unha proxección única para a Costa da Morte nun evento que cada ano é retransmitido por televisións de máis de 90 países e seguido por millóns de persoas.

 

A etapa que percorrerá a Costa da Morte terá lugar o vindeiro 1 de setembro será unha "contra-reloxo" que se celebrará  última semana de carreira, con saída en Muros e final no miradoiro do Monte Ézaro, no concello de Dumbría. Serán 33,5 quilómetros de carreira que pasarán por Lariño, Carnota, San Mamede, Panchés, Quilmas e O Pindo até finalizar na espectacular pendente do 30%  do Ézaro desde a que se divisa a única cascada de Europa que desenboca directamente no mar.