BASES DO FESTIVAL DE MURGAS E COMPARSAS DE RIVEIRA DO MARTES 25 DE FEBREIRO DE 2020

BASES DO FESTIVAL DE MURGAS E COMPARSAS DE RIVEIRA DO MARTES 25 DE FEBREIRO DE 2020

Escrito el 23/01/2020


1.- As murgas e comparsas deberán estar formadas por un mínimo de 12 participantes, sen límite máximo. Na categoría infantil ademais deberá contar con 1 adulto (como máximo) por cada 3 nenos/as.

 

2.- Deberán representar a unha asociación, entidade ou agrupación, establecendo o máximo permitido de unha murga ou comparsa por categoría, modalidade e asociación.

 

Establécense as seguintes categorías e modalidades:

 

a) Murgas (persoas adultas, dende os 16 anos incluídos): Máx. 15 agrupacións, das que dez serán do termo municipal e cinco do resto de Galicia. De non cubrirse os máximos admitiranse todas as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos destas bases.

 

b) Murgas (infantil, ata 15 anos incluídos): Máx. 5 agrupacións.

 

c) Comparsas: Máx. 5 agrupacións.

 

Serán seleccionadas pola organización tendo en conta en primeiro lugar a antigüidade de participación neste evento e en segundo lugar a data e número de rexistro da súa inscrición no festival.

 

3.- Para ambas as dúas categorías (infantil e adulta), as letras das MURGAS deberán ter unha extensión máxima de 2 cancións, non superiores no seu conxunto a 60 versos, nin cunha duración total superior a 8 minutos (incluíndo música, posta en escena e coreografía), quedando excluídas do premio aquelas actuacións que superen os 8 minutos de duración.

 

4.- O vestiario debe estar en consonancia con algún dos temas principais das letras das murgas ou un tema de actualidade, temática de Entroido ou interese xeral.

 

5.- Poderanse introducir elementos complementarios en relación coa interpretación dos temas e letras, sempre que non constitúan un risco nin perigo para a cidadanía ou motivo de ofensa á honra e dignidade das persoas, asumindo o representante de cada murga ou comparsa a responsabilidade ante reclamacións de terceiros que puideran xurdir en canto ás letras, músicas, vestiarios e outros.  Unha Comisión Avaliadora encargarase de examinar as letras das murgas previamente co fin de que non conteñan elementos constitutivos de discriminación, incitación á violencia, calumnia, falta de respecto á honra e intimidade ou outros; a comisión estará presidida polas concelleiras de Cultura e Igualdade, contando coa directora do CIM, a normalizadora lingüística e un programador cultural do Concello de Riveira.

 

6.- Establécese como data límite de inscrición e de presentación das letras o mércores 12 de febreiro de 2020, antes das 13:30 h, no Rexistro Xeral do Concello, a través da plataforma dixital en https://ventanilla.riveira.es  ou de xeito presencial no Centro Cultural Lustres Rivas. Entenderase que a non presentación dará lugar á non participación no Festival de Murgas.

 

Xunto coa solicitude de participación, achegarase letra/s da murga debendo ademais presentalas en soporte dixital xunto ao logo identificativo da agrupación (cd, pendrive, email...), relación dos integrantes do grupo (murga ou comparsa), co nome e apelidos de cada participante, así como o nome da Murga ou Comparsa. No caso de non tratarse dunha entidade deberán presentar fotocopia de DNI de todos os integrantes da Murga ou Comparsa e aplicaráselle o IRPF correspondente á gratificación e/ou premio que corresponda. Tamén haberá que nomear un representante de cada grupo ante o Concello, que deberá entregar fotocopia do DNI e datos fiscais (CIF da entidade) e IBAN orixinal da conta bancaria da entidade para o pago da gratificación/premio correspondente.

7.- As murgas e comparsas participantes comprométense a tomar parte no desfile previo á celebración do festival no lugar e hora que a organización estableza, así como a animar a ruada.

 

8.- O Festival celebrarase da seguinte maneira: subirán ao escenario as comparsas participantes para lucir a súa vestimenta –a súa actuación non excederá de 3 minutos-, actuarán a continuación as murgas da categoría Infantil, e ao rematar estas, as da categoría de persoas Adultas. Todas elas por orde alfabética.

 

9.- Establécese a contía total de 6.000,00 € para o festival (3.650 € para as gratificacións e 2.350 € para os premios), segundo o seguinte sistema de reparto para as distintas categorías e/ou modalidades:

 

9.1.- Gratificacións por participación:

 

    a) POR CATEGORÍA/MODALIDADE: Máx. 200 € para cada Murga (infantil ou adulta)

   Máx. 200 € para cada Comparsa

b) POR AMBAS DÚAS CATEGORÍAS:

 

No caso de que algunha asociación estea representada nas dúas categorías/modalidades a gratificación será en conxunto por importe máximo de 300 €  (os membros de cada unha das murgas (infantil/adulta) ou comparsas deberán ser diferentes entre si e acadar os mínimos requiridos).

Nota: No caso de que as gratificacións aos grupos participantes excedan a contía total destinada aos mesmos o reparto será proporcional entre todas elas ata o límite establecido. Ás gratificacións aplicaráselle a retención fiscal que corresponda segundo a lei.

 

9.2.- As murgas, na categoría de Adultos, optarán os seguintes Premios:

  • Primeiro Premio: 1.000,00 €
  • Segundo Premio:  600,00 €
  • Terceiro Premio:  400,00 €

 

  • Especial Premio Local: 350,00 €.

(No caso de que ningunha murga adulta do municipio de Riveira acadase un dos tres premios

establecidos, este galardón entregaráselle á agrupación local que obtivese a maior puntuación).

 

9.3.- As murgas premiadas quedarán excluídas das gratificacións e as murgas infantís e comparsas, non optarán a ningún premio.

 

10.- Para establecer os premios, existirá un Xurado que estará composto por seis membros: tres profesionais (un por cada categoría a valorar: Letra e Música; Vestiario, Maquillaxe e Perruquería; Posta en escena), a Concelleira de Cultura -ou quen designe- que ostentará a presidencia do mesmo, un membro elixido ao azar polo público e un secretario/a. Cada membro contará con voto -1, 3 e 5-. A secretaría do xurado recaerá nun representante da Área de Cultura, con voz pero sen voto. A votación será inmediata ao remate de cada unha das actuacións. A decisión do Xurado será inapelable. En caso de empate priorizarase o criterio do xurado xa que os premios son individuais e indivisibles.

 

11.- Ao remate do festival farase entrega a cada murga e/ou comparsa dun diploma acreditativo da gratificación, así como do premio obtido aos galardoados, que serán canxeables polo importe sinalado nos mesmos e recollido nestas bases, e faranse efectivos mediante transferencia bancaria nos Servizos Económicos do Concello nos días posteriores ao festival. A non presenza do representante designado por cada murga ou comparsa, no momento da entrega dos diplomas e galardóns e durante todo o Festival, considerarase motivo de renuncia á gratificación e/ou premio correspondentes, que inmediatamente pasarán a disposición da organización.

 

12.- Todas as murgas e comparsas participantes deberán aceptar estes criterios no momento da súa inscrición no festival; a organización será competente para resolver calquera dúbida xurdida das presentes bases.

 

Riveira, 10 de xaneiro de 2020.

Máis información:

 

CENTRO CULTURAL LUSTRES RIVAS

R/ Manuel Lustres Rivas, 20, 2º Andar, dta. –RIVEIRA * Teléfono 981.83.56.50 – Fax 981 873209

Correo electrónico: culturaefestexos@riveira.com * www.riveira.gal e