ADXUDICACIÓN PROVISIONAL DA HABILITACIÓN DUNHA SENDA PEONIL EN AGUIÑO DE 443 METROS ENTRE PUNTA DO LAÑO E O PEIRAO FENICIO

ADXUDICACIÓN PROVISIONAL DA HABILITACIÓN DUNHA SENDA PEONIL EN AGUIÑO DE 443 METROS ENTRE PUNTA DO LAÑO E O PEIRAO FENICIO

Escrito el 24/01/2020


O Concello de Riveira informa da adxudicación con carácter provisional da intervención dirixida á implantación dunha senda peonil de 443 metros de longo e 2,5 de ancho entre Punta do Laño e o Peirao Fenicio —ambos emprazamentos situados na parroquia de Aguiño— que enlazará co camiño de 2.500 metros existente entre este último punto e Couso.


Trátase dunha iniciativa enmarcada dentro da EDUSI Máis Riveira Atlántica 2020, financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020. Adscríbese a liña de actuación deste plan denominada Posta en Valor do Patrimonio Cultural e Natural e Turístico dentro do Obxectivo Temático 6 (Conservar e protexer o medio ambiente e promover a eficiencia dos recursos).

 

Había quince ofertas presentadas no período de licitación, das cales a que obtivo a mellor clasificación foi Bcnor Gestión y Soluciones Avanzadas, S.L.. A súa oferta ascende a un montante de 53.738,23 euros, IVE incluída. O prazo de execución é de cinco meses.

 

Elementos patrimoniais

O que se persegue coa a actuación é protexer o borde litoral nesta franxa ao tempo que se garante o libro acceso e uso público da costa e se potencia o seu emprego como zona de esparcemento e benestar da poboación. Neste senso, a senda —que arranca en Transporto, na contorna do porto de Aguiño—  permitirá recrearse na contemplación de notables elementos patrimoniais como é caso sobranceiro do Porto Fenicio (hai estudos que defenden que se trata de restos dun porto construído polos fenicios para facer escala nas súas viaxes comerciais entre os séculos XII e VIII antes de Cristo, mentres que outras investigacións apuntan a restos dunha fábrica de salgadura construída polos cataláns a mediados do século XIX) ou tamén os vestixios do antigo almacén de salgadura de A Covasa. Do mesmo xeito, se poderán divisar excelentes vistas da costa atlántica, con illas como Vionta, Sagres e Sálvora.

 

 

O novo trazado adaptarase ao camiño xa existente actuando no mesmo en dous tramos diferenciados:

 

  • Por unha parte, un primeiro tramo de 300 metros de longo composto de 17 centímetros de zahorra natural ZA-0/32 e 8 centímetros de espesor na capa de coroación, con pavimento de xabre-cemento con árido de granulometría 0-5 da zona, impermeabilizado e estabilizado.

 

  • E por outra, un segundo tramo de 143 metros de lonxitude composto por 25 centímetros de zahorra natural ZA 0/32.


O pavimento estará delimitado lateralmente con bordillos de madeira de 25x10 centímetros e transversalmente cada 10 metros con bordillos das mesmas dimensións a efectos conter mellor o pavimento contra a auga de escorrentía da chuvia.

 

Máis información na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia:

https://www.contratosdegalicia.gal/licitacion?N=619721&OR=265&ID=801&S=C&lang=gl