ESTÍBALIZ ESPINOSA, GAÑADORA DO XLV PREMIO BREVES MODESTO R. FIGUEIREDO POR “23 XEITOS DE INVENTAR UNHA CONSTELACIÓN”

ESTÍBALIZ ESPINOSA, GAÑADORA DO XLV PREMIO BREVES MODESTO R. FIGUEIREDO POR “23 XEITOS DE INVENTAR UNHA CONSTELACIÓN”

Escrito el 25/01/2020


A escritora Estíbaliz Espinosa resultou a gañadora do certame galego de narracións breves Premio Modesto R. Figueiredo na súa cuadraxésimo quinta edición polo seu texto titulado “23 xeitos de inventar unha constelación”. Así se dou a coñecer esta tarde nun acto celebrado no salón plenario da Casa Consistorial de Riveira na que a autora, nacida na Coruña en 1974, recibiu de mans do alcalde Manuel Ruiz este galardón promovido pola Fundación do Pedrón de Ouro e dotado con 1.000 euros.

 

Houbo ademais dous accésits: un para Yolanda Ceide Calviño por “Trinta minutos antes” e outro para Virxilio Rodríguez Vázquez por “A primeira vista”. Ambos están dotados con 400 euros.

 

39 relatos

Tal foi a decisión do xurado despois de analizar un total de 39 relatos presentados ao certame. O seu secretario, David Otero, foi encargado de ler a acta co fallo dun xurado que estivo conformado ademais por Xosé Ramón Fandiño, presidente do Pedrón de Ouro, Antonio Piñeiro en representación do Concello de Riveira, Pablo Rubén Eiré polo Pen Club de Escritores de Galicia, Agustín Agra pola Asociación de Escritorios en Lingua Galega e José Carou, galardoado o ano pasado.

 

Estíbaliz Espinosa incorpora así unha nova distinción ao seu multipremiado currículo. En 1999 foi galardoada co Premio Esquío de Poesía por “Pan”. En 2001, co Premio Díaz Xácome de Novos Creadores por “-orama” e co Premio Espiral Maior por “número e”. En 2017 obtivo o XV Premio de Poesía Afundación por “As neuronas irmás”.

 

Durante a súa intervención, a autora significou que a voz das mulleres está cada vez máis presente na literatura galega, tal e como se desprende de que a partir de 2002, cando o gañou Emma Pedreira, o obtiveran outras prestixiosas autoras como a rianxeira Esther Carrodeguas, Eli Ríos ou Emma Pedreira.

 

O acto tamén contou coas intervencións do presidente do Pedrón, Xosé Ramón Fandiño, do escritor Antonio Piñeiro, mantedor do premio; da concelleira de Cultura María Sampedro; e de María Xosé Rodríguez Blanco, filla de Modesto Rodríguez Figueiredo. O ex alumno do conservatorio de Riveira Yuri Durán puxo as notas musicais tocando ao piano unha peza de Bach.

 

Cómpre lembrar que o Premio Modesto R. Figueiredo, o primeiro certame do panorama literario galego e un dos referentes contemporáneos tal e como fixeron fincapé os participantes durante os seus discursos, naceu en 1975 como Concurso de Narracións Curtas Pedrón de Ouro. Pasou a recibir o nome do seu patrocinador, Modesto Rodríguez Figueiredo, logo do seu pasamento ao pouco de finalizar cuns versos de Rosalía o seu discurso durante a segunda edición.

 

Dende entón, o teñen recibido ilustres autores da nosa escrita como Xosé Luis Méndez Ferrín, Xavier Alcalá, Víctor Freixanes, Miguel Anxo Fernán Vello, Antón Riveiro Coello, Inma López Silva, Antón Lopo, Carlos García Reigosa, a rianxeira Esther F. Carrodeguas ou o seu paisano Xosé Carou na edición do ano pasado.

 

De carácter itinerante esta é a primeira vez que recala no municipio riveirense.