A Deputación da Coruña mostra a súa repulsa polo novo asasinato machista ocorrido na Pastoriza

A Deputación da Coruña mostra a súa repulsa polo novo asasinato machista ocorrido na Pastoriza

Escrito el 27/01/2020


Membros do goberno e do persoal da Deputación da Coruña concentráronse esta mañá diante da porta da institución para mostrar a súa repulsa polo asasinato machista ocorrido o pasado sábado no concello da Pastoriza. Desde o goberno da Deputación animouse a participar nas mobilizacións que esta tarde se desenvolverán en distintas cidades e vilas en contra da violencia machista.

 

As escaleiras da sede da Deputación da Coruña foron escenario, máis unha vez, do acto simbólico de repulsa dun novo crime machista, nesta ocasión acontecido o pasado día 25 de xaneiro, na Rigueira, concello da Pastoriza. Manuela Iglesias, de 79 anos de idade, foi asasinada polo seu home, Hortensio Ónega, converténdose na última vítima do feminicidio en territorio galego.

 

Desde a Deputación da Coruña maniféstase a radical repulsa ao machismo asasino e tamén o compromiso da institución para desenvolver políticas eficaces que contribúan a eliminar a discriminación e desigualdade das mulleres que está na orixe do feminicidio. Neste sentido, desde a área de Igualdade realízanse programas e iniciativas dirixidas de maneira especial á xente nova co fin de construír un futuro en igualdade e sen violencia contra as mulleres.