A Deputación da Coruña pecha o día 31 de xaneiro o prazo de inscrición de espectáculos na Rede Cultural

A Deputación da Coruña pecha o día 31 de xaneiro o prazo de inscrición de espectáculos na Rede Cultural

Escrito el 29/01/2020


Artistas, empresas e compañías teñen até o día 31 de xaneiro ás 14:00 horas para inscribir os seus espectáculos na nova edición da Rede Cultural da Deputación da Coruña. O próximo mes de marzo abrirá o prazo para as solicitudes dos concellos.

 

O último día de mes será tamén o de peche do prazo para que artistas, empresas e compañías presenten as súas propostas para participar na Rede Cultural da Deputación da Coruña que este ano achega dous millóns de euros de orzamento ao circuíto máis estábel e consolidado da cultura galega.

 

Os espectáculos, concertos e proxeccións audiovisuais que se rexistren neste prazo e que cumpran os requisitos formarán parte do amplo catálogo dos "Escena ao vivo!", "Visións", Lingua a Escena!" e "Alicerce" que conforman o circuíto da Deputación da Coruña destinado á programación cultural de calidade por parte de concellos e entidades.

 

Os programas "Escena ao vivo!", ao que se poderán presentar espectáculos ao vivo de teatro, música, monicreques, maxia, danza e circo, o de proxeccións audiovisuais "Visións" e outro máis, "Lingua a Escena!" que ten como obxectivo a promoción do galego a través da cultura destínanse a propostas de cultura profesional mentres que "Alicerces" destínase á difusión de espectáculos de compañías e agrupacións non profesionais.

 

"A Rede Cultural consolídase un ano máis como o circuíto de programación máis sólido e estábel da cultura galega, ofrecendo propostas de calidade en todo o territorio dos concellos da Coruña e contribuíndo de maneira decidida tanto á creación de novos públicos para a cultura como ao fortalecemento do sector por medio de novas contratacións artísticas e creación de emprego", destaca o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

 

No pasado ano, a Rede Cultural promoveu ao longo do territorio da Coruña un total de 1.829 espectáculos, dos que 1163 formaron parte dos programas dos concellos e 666 de entidades sen ánimo de lucro.

 

"A Rede Cultural experimentou nos últimos anos un relevante incremento duplicando o orzamento desde o ano 2015 en que se consignaron 976.496€ até os dous millóns da presente edición", sinala Xurxo Couto da nova edición da Rede Cultural da que se publican as bases no BOP deste 15 de xaneiro.

 

As bases da convocatoria inclúen tamén as obrigas dos concellos, artistas e a propia Deputación encamiñadas a garantir as boas prácticas na xestión cultural que defende a institución provincial.

 

Máis información na seguinte ligazón: https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2020/01/15/2020_0000000210.html