A EXPLOTACIÓN AUTONÓMICA DA EDAR DE COUSO ENTRAÑARÍA UN SOBRECUSTE DO 75% (+292.730€) SOBRE O MODELO DE XESTIÓN MUNICIPAL

A EXPLOTACIÓN AUTONÓMICA DA EDAR DE COUSO ENTRAÑARÍA UN SOBRECUSTE DO 75% (+292.730€) SOBRE O MODELO DE XESTIÓN MUNICIPAL

Escrito el 29/01/2020


Mañá xoves ás 20 horas terá lugar un pleno de carácter extraordinario e urxente no que a Corporación Municipal de Riveira abordará a aprobación, ou non, do convenio polo que Augas de Galicia cede a explotación da EDAR de Couso ao Concello e, ante esta circunstancia, a administración local solicitou e recibiu sendos orzamentos cos que cuantificar economicamente os dous escenarios que se poden dar en virtude do que voten os grupos: é dicir, que a estación depuradora recaia no Concello e sexa xestionada transitoriamente por medio  da empresa actual, Aqualia, en tanto non se saque a licitación conxuntamente cos colectores, ou ben que a leve Augas de Galicia a través de Tragsa.

 

Pois ben, comparados ambos orzamentos despréndese que a proposta formulada por Augas de Galicia (Tragsa) para a explotación e o mantemento da EDAR de Couso alcanzaría os 682.977 euros/ano, mentres que no caso de Aqualia, os custes pola xestión desta mesma instalación se situaría en 390.247 euros (sen IVE en ambos casos).

 

Á vista destes datos (cunha diferenza de 292.730 euros) e tal e como manifesta a análise realizada ao efecto por unha empresa externa especializada «se podría incurrir en un sobre-coste del 75% en la gestión de la EDAR de Couso respecto de la alternativa de mantener a la entidad Aqualia, que en la actualidad gestiona el conjunto de las instalaciones (a través del contrato con ACUAES que expira el próximo 31 de enero de 2020)”.

 

Custe integral

O informe tamén reflicte unha estimación do custe integral do sistema, incluíndo colectores, tanques de tormenta e gastos enerxéticos. Así, no caso dunha xestión única no Concello de Riveira, o montante total apuntado sería de 981.236,52 euros, mentres que no suposto de xestión compartida con Augas a cifra se elevaría ata 1.273.966,88 euros, é dicir, un 29,8% máis.

 

O estudo advirte de que se están analizando propostas económicas de urxencia que non están afectadas polas rebaixas económicas derivadas de acudir a un proceso de libre competencia no mercado, de tal xeito que as cifras analizadas son susceptibles de ser minoradas.

 

Cómpre lembrar que Augas de Galicia citou ao Concello para pasado mañá venres, ás 11 horas, a efectos de facer entrega das instalacións.