O CONCELLO PERFILA AS ACTUACIÓNS DA ESTRATEXIA DE DESENVOLVEMENTO MÁIS RIVEIRA ATLÁNTICA COFINANCIADA POLA UNIÓN EUROPEA

O CONCELLO PERFILA AS ACTUACIÓNS DA ESTRATEXIA DE DESENVOLVEMENTO MÁIS RIVEIRA ATLÁNTICA COFINANCIADA POLA UNIÓN EUROPEA

Escrito el 30/01/2020


O salón plenario da Casa Consistorial de Riveira serviu de escenario onte para unha reunión informativa na que se explicou aos grupos da Corporación o estado de tramitación da EDUSI ‘Máis Riveira Atlántica 2020’, Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado seleccionada en primeira convocatoria para a dotación de Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020. Abundando na mesma liña, hoxe tivo lugar unha reunión de carácter técnico para seguir perfilando un proxecto cuxo orzamento ascende a 6.250.000 euros, dos cales 5 millóns corresponden aos devanditos fondos FEDER.

 

Na xuntanza de onte (na que asistiron edís dos grupos Partido Popular, BNG, PSdG-PSOE e Suma Ribeira) explicouse que a estratexia contempla catro liñas estratéxicas de actuación, denominada respectivamente ‘Riveira + Intelixente’ (cunha contía de 900.000 euros), ‘Riveira + Eficiente’ (1,5 millóns), ‘Riveira + Turística’ (1,6 millóns) e ‘Riveira + Humana’ (2 millóns).

 

A día de hoxe, está executado o 21% do global por unha contía económica de 1.338.560,07 euros. A estratexia ten que estar totalmente implementada en decembro de 2023.

 

Dentro da liña ‘Riveira + Intelixente’, que ten como obxectivo promover as TIC a través de actuacións de Administración electrónica local e Smart Cities, inclúense tres actuacións ou operacións: Smart Instalacións Auditorio (300.000 euros), Centro de Control de Servizos Municipais (300.000 euros) e accións ligadas coa E-Administración (300.000 euros).

 

Na liña ‘Riveira + Eficiente’, orientada ao fomento da mobilidade urbana sustentable e a mellora da eficiencia enerxética e o aumento de enerxías renovable nas áreas urbanas, están consignados 500.000 euros para paseos marítimos, outros 500.000 para iluminación eficiente (coa instalación de luminarias en diversos tramos de litoral en Aguiño, O Carreiro, A Catía, O Castro e Insuela) e outros 500.000 para a mellora da eficiencia enerxética en edificios públicos, sinaladamente A Fieiteira e o Conservatorio.

 

En ‘Riveira + Turística’, concibida co obxectivo de promover a protección, fomento e desenvolvemento do patrimonio cultural e natural así como a revitalización das cidades e a mellora da contorna urbana e o seu medio ambiente, hai 50.000 euros para a iniciativa aMar Riveira, 750.000 euros para creación de sendeiros fluviais e rutas de sendeirismo e 800.000 para a xa executada remodelación do paseo do Malecón.

 

Por último, a liña ‘Riveira + Humana’ persegue a rexeneración física, económica e social da contorna urbana en áreas desfavorecidas. Hai dúas operacións previstas: dun lado, a construción do novo Auditorio (cunha partida de 1,9 millóns de euros) e por outra a creación de vivendas sociais (100.000 euros).

 

No transcurso da reunión, moi participativa, buscouse tamén as aportacións dos propios grupos para dotar de contidos a algunhas das operacións nas que non están definidas as concretas actuacións a executar, caso da habilitación de sendas fluviais e rutas de sendeirismo ou da habilitación de vivendas para fins sociais dentro do municipio.

 

En próximas datas se convocará a comisión estratéxica de Máis Riveira Atlántica.