FORMALIZADA A RECEPCIÓN DA EDAR DE COUSO POR PARTE DO CONCELLO DE RIVEIRA

FORMALIZADA A RECEPCIÓN DA EDAR DE COUSO POR PARTE DO CONCELLO DE RIVEIRA

Escrito el 31/01/2020


Logo da aprobación en pleno onte pola noite do convenio entre Augas de Galicia e o Concello polo que este último asume a xestión da EDAR de Couso, hoxe mesmo nas instalacións da depuradora de augas residuais formalizouse esta recepción municipal nun acto na que unha representante de Augas de Galicia, Elvira López Dovigo, xefa de sección da oficina técnica da entidade, entregou as chaves da estación ao alcalde Manuel Ruiz.

 

No documento que plasma por escrito esta recepción faise constar unha serie de pequenos detalles que por motivos meteorolóxicos non puideron serr solucionadas a día de hoxe pero que si o estarán antes do 31 de marzo: detalles que están relacionados basicamente co mantemento (pinturas no exterior e outros) sen que afecten en absoluto ao funcionamento da EDAR, así como a instalación do difusor do emisario, pendente de colocar cando as mareas non estean tan vivas.

 

Así mesmo, tamén se asinou o devandito convenio entre Augas e o Concello no que se especifican os dereitos e deberes de cada unha das partes e se establece unha comisión de seguimento.

 

O alcalde quixo dar as grazas a todas as administracións que estiveron implicadas nesta obra de 21 millóns de euros de investimento, financiados integramente por Acuaes e Augas de Galicia. Tamén agradeceu a implicación de todos os técnicos que deron solución ás eivas detectadas durante o período de proba das instalacións, e citou ademais a Manuel Quintana como redactor do plan de saneamento local e a David Hernáez como enxeñeiro xefe de Augas de Galicia.

 

Agora, a empresa Aqualia encargarase transitoriamente do mantemento e explotación da obra e os seus colectores e tanques de tormenta mentres non se saque a concurso público. Para tal fin contase cunha plantilla de oito traballadores, prestando un servizo ás 24 horas do día.