A Deputación da Coruña esixe á Xunta o cese do desmantelamento da sanidade pública e ao Goberno central á devolución da débeda polo IVE

A Deputación da Coruña esixe á Xunta o cese do desmantelamento da sanidade pública e ao Goberno central á devolución da débeda polo IVE

Escrito el 31/01/2020


A Deputación da Coruña demandará á Xunta a mellora e cese do desmantelamento da sanidade pública, ademais das cantidades adebedadas ao Consorcio da Promoción da Música para o mantemento da Orquesta Sinfónica de Galicia.

 

Na mesma sesión, acordouse  instar ao goberno do Estado a devolución da débeda polo IVE e poñer en marcha un Plan Director de estradas provinciais.  É o balance das mocións que foron debatidas no pleno ordinario do mes de xaneiro, no que tamén se aprobou unha declaración institucional de apoio ao sector mar-industria alimentario fronte ao proxecto de reforma da lexislación de costas.

 

O pleno da Deputación da Coruña aprobou, cos votos a favor de todos os grupos políticos menos o PP, unha moción presentada polo PSG-PSOE e o BNG que demanda a mellora da sanidade pública xunto co cese da política de desmantelamento e peche de servizos nos hospitais da área.

 

A iniciativa, trasladada pola plataforma SOS Sanidade Pública, aposta pola mellora urxente da sanidade pública, paliando a carencia de recursos públicos sociosanitarios e reducindo as listas de espera e tempos de demora das consultas de atención especializada, probas diagnósticas, cirurxía e procedementos terapéuticos para o que obriga tamén á administración galega a publicar as "listas de espera ocultas e acabar coa súa manipulación".  Ademais, inclúe nos seus puntos o fin da precariedade e a explotación laboral do persoal de servizos de saúde.

 

A moción aprobada en pleno quere poñer freo á  privatización da sanidade instando a revisar os concertos cos hospitais e clínicas privadas e eliminar os que non son necesarios, como indica a Lei Xeral de Sanidade e poñendo fin á política de privatización de recursos e de derivar pacientes ás clínicas privadas.

 

Finalmente, comprométese tamén a mostrar o seu apoio á mobilización convocada desde SOS Sanidade Pública para o vindeiro 9 de febreiro, cons saída da Alameda de Santiago ás 12:00 horas.

 

A Deputación da Coruña tamén se dirixirá á Xunta para que faga efectivas as cantidades adebedadas ao Consorcio da Promoción da Música para o funcionamento da Orquestra Sinfónica de Galicia desde o ano 2011 ata o actual -case oito millóns de euros- e a manter o investimento previsto segundo o convenio subscrito co Concello da Coruña en 2004 no orzamento de 2020, despois de se aprobar unha moción presentada por Marea Atlántica que contou cos votos de todos os grupos presentes no pleno agás o PP.

 

Devolución da débeda do IVE

 

Ademais de dirixirse á Xunta, a Deputación da Coruña instará tamén ao goberno do Estado a facer efectivo o ingreso das contías do importe sobre o IVE non liquidadas, correspondentes ao exercicio 2017 como consecuencia da implantación do Sistema de Información Inmediata e a convocar ao Consello de Política Fiscal e Financeira, incluíndo na Orde do Día un punto específico para abordar a aplicación dos incentivos polo desempeño fiscal nos anos 2017 e 2018.

 

Estos dous puntos coincidían nas dúas mocións presentadas sobre o tema, unha do PSG-PSOE que foi aprobada por unanimidade e outra do PP que saiu adiante cos votos a favor do propio grupo e Marea Atlántica, abstención do BNG e Alternativa dos Veciños e en contra PSG-PSOE.

 

 

 

A maiores, a moción do grupo socialista reclama a realización dunha reforma urxente do financiamento autonómico para garantir a autonomía e suficiencia das Comunidades Autónomas, singularmente Galicia, e demanda unha rápida aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado para o presente ano "que permita normalizar a relación financeira entre a Administración Xeral do Estado e as CCAA".

 

Plan director de estradas provinciais

 

O pleno dou luz verde a elaboración dun Plan Director de estradas provinciais, para o que se realizará un estudo que permita a racionalización da titularidade das vías provinciais e convocarase unha mesa de alcaldes e alcaldesas para coñecer de primeira man o seu parecer sobre o asunto. O tema foi debatido a través dunha moción presentada pola  Marea Atlántica que no propio pleno acordou os puntos definitivos  co PSG-PSOE e BNG.

 

Finalmente, o pleno deu conta dunha declaración institucional, rexistrada polo PP e asinada por todos os grupos, de apoio ao sector mar-industria alimentario fronte ao proxecto de reforma da lexislación de costas. A declaración institucional traslada ao Goberno do Estado e ao seu Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico a "necesidade de recoñecer e ter en conta a especial relación de Galicia co mar e polo tanto, a necesidade de facer compatibles a preservación da paisaxe co mantemento dos postos de traballo e a actividade ao borde do mar". Contempla tamén a creación dunha mesa de diálogo cos sectores afectados e representantes institucionais diante de calquera modificación e solicita a convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias para analizar a ampliación do marco competencial no ámbito do mar, da costa e da pesca.