ARRANCAN AS OBRAS PARA A PAVIMENTACIÓN E RENOVACIÓN DE SERVIZOS NAS RÚAS PÉREZ GALDÓS E ESCORIAL NO CENTRO DE RIVEIRA

ARRANCAN AS OBRAS PARA A PAVIMENTACIÓN E RENOVACIÓN DE SERVIZOS NAS RÚAS PÉREZ GALDÓS E ESCORIAL NO CENTRO DE RIVEIRA

Escrito el 04/02/2020


O Concello de Riveira informa do inicio das obras de pavimentación e renovación de servizos das céntricas rúas Pérez Galdós e Escorial, ambas situadas na cidade de Santa Uxía xunto á praza consistorial.

 

Operarios da empresa Marqués de Marancán, S.L., iniciaron estes labores na primeira das rúas citadas, coa fin de solucionar as eivas existentes tanto no pavimento actual (con danos importantes como disgregacións e socavóns no seu firme) como nas instalacións urbanas (con tubaxes en canto a saneamento e pluviais en mal estado).

 

O proxecto elaborado polos servizos técnicos municipais prevé as seguintes accións:

 

  • Saneamento: colocación dun colector de PVC de 315 milímetros de diámetro e lonxitude de 185 metros, con pozos de rexistro cada 35 ou 40 metros e conexión cos colectores existentes. Renovaranse as acometidas ás vivendas.

 

  • Pluviais: disposición polo centro das rúas de colectores de PVC corrugado de 315 milímetros de diámetro e 189 metros de longo e pozos de rexistro. Instalaranse sumidoiros cada 20 metros aproximadamente e pozos de rexistro nos cruces dos colectores. Efectuaranse acometidas de pluviais ás vivendas.

 

  • Pavimentación: empregarase pavimento de formigón pulido de 20 centímetros de espesor, intercalado con lousas de granito.

 

A actuación comporta un investimento de 85.965 euros, IVE incluído, e o seu prazo de execución son catro meses.

 

Acceso a garaxes

Cómpre advertir que aqueles condutores que se servían da rúa Pérez Galdós para acceder aos seus garaxes poden seguir facéndoo a través da rúa Escorial.