A Deputación da Coruña subscribe un convenio que habilita unha plena xestión catastral colaborativa

A Deputación da Coruña subscribe un convenio que habilita unha plena xestión catastral colaborativa

Escrito el 04/02/2020


A Deputación da Coruña asinou un convenio de colaboración en materia de xestión catastral coa Dirección Xeral do Catastro. O convenio foi subscrito polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e polo director xeral do Catastro, Fernando de Aragón Amunárriz. O acto contou tamén coa asistencia do deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira.

 

Trátase dun convenio de colaboración en materia de xestión catastral subscrito con arranxo ao modelo acordado entre a Dirección Xeral do Catastro coa Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), que xa se estende a máis de 200 administracións.

 

As funcións que vai asumir a Deputación por medio deste convenio refírense, en esencia, á tramitación, en réxime de encomenda de xestión, dos expedientes de alteracións xurídicas, físicas e económicas de bens inmobles urbano e rústico.

 

Como novidade de carácter instrumental debe significarse que desde agora a Deputación poderá desenvolver as actuacións de colaboración na actuación das descricións catastrais sobre a base dunha avanzada plataforma tecnolóxica de base cartográfica, denominada mapa de xestión.

 

 

 

Este mapa reflectirá, de forma permanentemente actualizada, as alteracións detectadas polas diferentes entidades que transforman ou autorizan a modificación da realidade inmobiliaria, así como a información sobre as distintas etapas de tramitación que se desenvolvan sobre esas alteracións para incorporalas ao Catastro inmobiliario.

 

O mapa facilita a identificación de inconsistencias entre as realidades inmobiliaria e catastral e anticipa a tarefa de mantemento da base de datos que xestiona a Dirección Xeral do Castastro, ao tempo que permite o mellor deseño posible dos plans de regularización e inspección.

 

A Deputación comprométese, ademais, a colaborar en tarefas de notificación e atención ao público derivadas dos expedientes tramitados.

 

Para a incorporación ao Catastro inmobiliario das actuacións de xestión catastral que realice a Deputación vanse utilizar os últimos avances tecnolóxicos, que permitirán que esta teña acceso telemático avanzado aos sistemas informáticos da Dirección General del Catastro.

 

Inmobles afectados

O convenio afecta a máis de 2.800.000 inmobles, dos que aproximadamente 580.000 son urbanos e ao redor de 2.230.000 rústicos, e constitúe unha peza esencial do modelo de xestión catastral compartida que mediante 16 convenios de colaboración alcanza case o 98% do total de inmobles urbanos da provincia da Coruña.

 

Polo que respecta á Comunidade Autónoma de Galicia, a cifra total de inmobles urbanos afectados polos 94 convenios de colaboración subscritos ascende no día de hoxe a 2.658.987, o que representará o 91,06% do total de inmobles urbanos da Comunidade.

 

 

 

A nivel nacional, os convenios de colaboración en materia de xestión catastral para inmobles urbanos subscritos ata o día de hoxe esténdese a 4.971 municipios, e comprenden un total de 32.201.021 inmobles; ou o que é o mesmo, o 82,71% do total de inmobles urbanos existentes dentro da competencia da Dirección General del Catastro.