A Deputación da Coruña organiza 110 cursos de formación para o persoal das administracións locais da provincia

A Deputación da Coruña organiza 110 cursos de formación para o persoal das administracións locais da provincia

Escrito el 04/02/2020


O Plan de Formación Agrupado da Deputación da Coruña impulsa este ano a organización de 110 cursos de formación destinados ao persoal dos concellos e entidades locais da provincia.

 

Preto de 3.900 funcionarios/as e traballadores/as dos concellos, consorcios, mancomunidades e da propia Deputación terán a oportunidade de formarse durante este ano en diferentes áreas da xestión pública que van dende os servizos sociais ao proceso de licitación electrónica, pasando por cuestións coma xestión de subvencións, prevención de riscos laborais, manexo de distintos programas e aplicacións informáticas ou comunicación en lingua de signos, co fin de que os/as participantes podan atopar un ou varios cursos acordes coas súas necesidades formativas e tarefas laborais.

 

Serán un total de 110 cursos (91 deles presenciais e 19 en liña), que se desenvolverán en 142 edicións, xa que algúns cursos impártense en varias sedes. Ademais da propia sede da Deputación, está previsto que estes cursos cheguen a boa parte do territorio provincial, xa que algúns deles celebraranse na Pobra, Ames, As Pontes, Bergondo, Boiro, Carballo, Cerdido, Ferrol, Narón, Noia, Oleiros, Ortigueira, Padrón, Ribeira, Santiago de Compostela e Vimianzo.

 

Prazo de inscrición aberto

 

Até este venres, 7 de febreiro, está aberto o prazo de inscrición para os cursos da primeira convocatoria do Plan (57 cursos diferentes en 72 edicións). Os cursos da segunda convocatoria impartiranse de setembro a decembro e o prazo de inscirición abrirase no mes de maio.

 

A Deputación da Coruña destina este ano 400.000 euros para garantir unha formación continua e de calidade do persoal de 101 entidades locais da provincia.