O CONCELLO RESCATA EN REEDICIÓN FACSIMILAR O LIBRIÑO PEDAGÓXICO “LA PERLA AGRÍCOLA” DO MESTRE DE PALMEIRA IGNACIO MARTÍNEZ

O CONCELLO RESCATA EN REEDICIÓN FACSIMILAR O LIBRIÑO PEDAGÓXICO “LA PERLA AGRÍCOLA” DO MESTRE DE PALMEIRA IGNACIO MARTÍNEZ

Escrito el 05/02/2020


O Concello de Riveira vén de recuperar a través dunha reedición facsimilar un libriño pedagóxico practicamente esquecido e ausente na maioría das bibliotecas, públicas e privadas, de Galicia. Trátase de “La perla agrícola”, publicado en 1885 polo mestre da Escola Pública de Palmeira Ignacio Martínez.

 

Coa fin de dar a coñecer esta pequena xoia, o venres 7 de febreiro ás 20 horas terá lugar un acto de presentación na sede da Sociedade Hijos de Palmeira. Intervirán o alcalde Manuel Ruiz, a concelleira de Cultura María Sampedro; Noelia Rebollido como directora do CEIP de Palmeira; e Francisco Antonio Vidal, narrador e socio da Asociación Cultural Barbantia, quen colaborou decisivamente no rescate desta obra.

 

Regalo de exemplares

Cada asistente será agasallado cun exemplar do libro, que buscaba ensinar ao alumnado os principios básicos da agricultura consonte cos inquietude de moitos mestres e inspectores de ensino daquela época desexosos de mellorar o ensino primario logo da promulgación en 1859 da Lei Moyano.

 

Esta non é a primeira reedición facsimilar emprendida polo Concello nos últimos anos, pois xa no 2017 recuperou a entón inatopable compilación de ensaios “Pandemonium” do xornalista riveirense Manuel Lustres Rivas cadrando co século da súa publicación.