A Deputación da Coruña destina 2,3 millóns de euros para apoiar ás entidades sociais da provincia

A Deputación da Coruña destina 2,3 millóns de euros para apoiar ás entidades sociais da provincia

Escrito el 05/02/2020


A Deputación da Coruña destina este ano preto de 2,3 millóns de euros para apoiar ás entidades sociais sen ánimo de lucro da provincia.

 

A institución provincial vén de convocar tres liñas de subvencións cun orzamento total de 2.285.000 euros, que teñen por obxecto “apoiar aos centos de asociacións da provincia da Coruña que traballan no eido social para seguir mellorando os seus programas, servizos e infraestruturas, dos que se benefician cada día miles de cidadáns da nosa provincia”, afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso,  que destacou “o dinamismo e implicación do tecido social coruñés, que chega onde moitas veces non chega directamente a administración e contribúe a mellorar o benestar e a calidade de vida das persoas que máis o necesitan”.

 

Neste sentido, a deputada responsable da área de Benestar Social, Ana Lamas, subliñou que a través destas liñas de subvencións, 232 entidades sociais da provincia recibiron o ano pasado o apoio económico da Deputación para financiar, por exemplo, programas de tratamento terapéutico, rehabilitador ou de inserción sociolaboral, adquisición de transportes adaptados ou obras de adaptación e reforma de residencias e centros de día. Con estes fondos, a Deputación sufraga tamén parte dos gastos de funcionamento de centros de atención a persoas con diversidade funcional ou trastornos aditivos.

 

As bases destas axudas publicáronse no BOP de onte martes, 4 de febreiro, aínda que o prazo de presentación de solicitudes para optar ás mesmas darase a coñecer tras a súa publicación definitiva na Base Nacional de Subvencións.

 

O programa de investimentos en servizos sociais conta cun orzamento de 700.000 euros e financia ata o 80% das obras de construción e reforma de centros, adquisición de maquinaria, mobiliario ou equipos de proceso de información por un importe máximo de 60.000 euros por entidade.

 

A liña destinada ao mantemento de centros sociais cofinancia cun orzamento de 785.000 euros obras de reparación e conservación de centros, servizos profesionais independentes, servizos de transporte especial para usuarios e compra de bens destinados á actividade da entidade, entre outras cuestións, por un importe máximo anual de 80.000 euros.

 

A terceira liña, destinada ao financiar servizos e programas das entidades conta cun orzamento inicial de 800.000 euros cos que as entidades sociais da provincia poden financiar programas de tratamento terapéutico ou rehabilitador, ou de inserción social e laboral para colectivos con especiais dificultades, por exemplo. As axudas nesta liña chegan aos 40.000 euros por entidade e ano.

 

 

As bases completas poden consultarse nas seguintes ligazóns:

 

Investimento

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2020/02/04/2020_0000000751.html

 

Mantemento de centros

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2020/02/04/2020_0000000748.html

 

Programas e servizos

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2020/02/04/2020_0000000750.html