ALUMNOS DO OBRADOIRO ‘O POTE’ COCIÑAN ALMORZOS SOLIDARIOS PARA DOCE USUARIOS DE SERVIZOS SOCIAIS EN RISCO DE EXCLUSIÓN

ALUMNOS DO OBRADOIRO ‘O POTE’ COCIÑAN ALMORZOS SOLIDARIOS PARA DOCE USUARIOS DE SERVIZOS SOCIAIS EN RISCO DE EXCLUSIÓN

Escrito el 05/02/2020


Dende este luns, os quince alumnos-traballadores que na Escola Municipal de Hostalería cursan o obradoiro de cociña ‘O Pote’ están a desenvolver unha nova acción cunha vocación benéfica da que se ve beneficiada a sociedade riveirense. Trátase da elaboración diaria, de luns a venres, de almorzos solidarios destinados a unha ducia de persoas en risco de exclusión que son usuarias da UAD e de Servizos Sociais.

 

Así, baixo a tutela do profesor Pachi Movilla Blanco e servíndose das cociñas da escola habilitada no segundo andar do mercado, os alumnos confeccionan diferentes menús integrados por un primeiro prato, un segundo e un postre (por exemplo, hoxe toca coliflor con bechamel, brocheta de pollo e arroz con leche), que varían cada día do mes e tamén o fará en función da tempada en que esteamos.

 

Deste xeito, o alumnado perfecciona os seus coñecementos á hora de cociñar todo tipo de pratos (carnes, peixes, cremas, pastas, legumes, verduras, arroces, sopas e un longo etcétera) ao tempo que se cumpre un fin solidario. En torno ás 13.15, os almorzos xa preparados condúcense a través dunha empresa de transporte especializada ata un local en Bandourrío onde persoas voluntarias de Servizos Sociais (forman parte das entidades ICE Renovación e Boas Noticias) os distribúen entre os usuarios.

 

Cómpre lembrar que “O Pote” é un obradoiro dual de emprego sobre cociña que se puxo en marcha no pasado 30 de outubro e ten unha duración de nove meses. Está promovido e coordinado polo Concello a través da Concellería de Emprego e Promoción Económica que dirixe Ramón Doval e conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia.

 

Visita a Congalsa

Nestes últimos tempos, os quince integrantes do taller teñen participado ademais noutras accións como foi o caso dunha visita á empresa Congalsa co fin de coñecer a mecánica desta firma especializada na preparación de pratos preelaborados.