GALICIA RECOÑECE ANTE ANMUPESCA A NECESIDADE DE QUE SE REVISEN OS COEFICIENTES REDUTORES EN ACTIVIDADES DO SECTOR PESQUEIRO COMO A DAS REDEIRAS

GALICIA RECOÑECE ANTE ANMUPESCA A NECESIDADE DE QUE SE REVISEN OS COEFICIENTES REDUTORES EN ACTIVIDADES DO SECTOR PESQUEIRO COMO A DAS REDEIRAS

Escrito el 08/02/2020


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, trasladou hoxe todo o seu apoio á Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca) durante a celebración da súa asemblea xeral e informou de que a Xunta está a facer xestións para mellorar as condicións de traballo das mulleres do sector. De feito, esta semana a titular de Mar mantivo unha reunión coa secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villauriz, na que lle volveu trasladar a necesidade de revisar os coeficientes redutores para adaptalos ás novas circunstancias da frota e aos diferentes segmentos do sector, especialmente nalgunhas actividades moi feminizadas como a das redeiras, unificando as circunstancias a efectos laborais e de xubilación. 

 

Rosa Quintana explicou que o Executivo galego propón revisar os coeficientes redutores unha vez se aprobe a proposta de modificación do regulamento polo que se definen as características dos barcos de pesca, dada a súa afectación aos rexistros dos que se toman os datos para fixar os coeficientes redutores. Nese momento, engadiu, sería oportuno facer unha análise “profunda e xeneralizada para corrixir esta situación tan inxusta”.

 

Nesta liña, a titular de Mar salientou que é vital a colaboración entre os representantes do sector e as administracións para asegurar o futuro das mulleres de hoxe e o das xeracións vindeiras. “Anmupesca ten moito que dicir. Sodes unha parte fundamental de toda a estrutura que move o mar de Galicia e de España, que é o mar que nos move”, subliñou a representante do Executivo galego.

 

Neste sentido, a representante da Xunta enxalzou o labor realizado por Anmupesca para dar visibilidade ao papel que desenvolven as mulleres en todos os elos da cadea mar-industria e animou ás súas representantes a seguir con ese importante traballo para igualar a situación profesional das mulleres do sector coa dos homes. Ademais, a titular de Mar destacou que un dos obxectivos debe ser o de asegurar que as xeracións vindeiras se sintan atraídas polas actividades do sector con presenza feminina e favorecer así o relevo xeracional. 

 

Rosa Quintana, que estivo acompañada no evento pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, salientou o bo traballo realizado por esta asociación de mulleres desde a súa fundación en 2016 e destacou os importantes fitos acadados durante o ano pasado, como a súa entrada cunha vogalía no Consello Galego de Pesca e a mesma representación no Consello Galego de Mulleres.

 

“Trátase doutro paso adiante para aportar a vosa opinión en cuestións relevantes da profesión nestes órganos consultivos, para dar máis visibilidade ao traballo da muller no sector e a contribuír a que a toma de decisións sexa con perspectiva de xénero”, explicou a representante do Executivo galego. 

 

A organización

A Asociación Nacional de Mulleres da Pesca é unha organización sen ánimo de lucro que se constituíu en 2016 e que está integrada por 31 asociacións de seis comunidades autónomas (Galicia, Asturias, Cantabria, Comunidade Valenciana, Andalucía e Madrid). Estas entidades agrupan a máis de 15.000 mulleres vencelladas ao mundo do mar. Entre os seus obxectivos está a defensa dos intereses económicos e profesionais das mulleres do sector pesqueiro, dar visibilidade ao seu papel na cadea mar-industria, servir de instrumento e plataforma para o diálogo social e promover unha sociedade máis igualitaria e inclusiva, entre outros.