A Deputación da Coruña aposta en Xantar polas oportunidades que abre o cambio de modelo no turismo

A Deputación da Coruña aposta en Xantar polas oportunidades que abre o cambio de modelo no turismo

Escrito el 08/02/2020


O día da provincia da Coruña na Feira Gastronómica Xantar de Ourense convocou un intenso programa no que a oferta dos concellos foi a protagonista nunha xornada na que o vicepresidente e responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, defendeu a súa aposta polo territorio como " destino sostíbel e de calidade o que está a ser a gran fortaleza do sector neste cambio de modelo que se está a experimentar no turismo a nivel internacional".

 

A calidade e a oferta gastronómica do territorio dos distintos concellos da provincia da Coruña foi este venres protagonista na Feira Gastronómica Xantar que se desenvolve até o domingo día 10 en Ourense. Ademais de preparacións ao vivo, degustacións e presenza activa de distintos concellos e centros gastronómicos da Coruña, a xornada incluíu o acto oficial en que o vicepresidente e deputado da área de Turismo, Xosé Regueira, destacou as oportunidades que se abren para un destino sostíbel e de calidade nun momento en que "o cambio de modelo no turismo a nivel internacional é xa unha realidade, con tendencias que mostran a preocupación pola sustentabilidade, por evitar os custes medio ambientais dos transportes aéreos e o consumo rápido, o que abre novas expectativas a un territorio como o noso", sinalou na súa intervención.

 

"Esa nova conciencia que se está a impor no turismo pode ser unha oportunidade para nós porque seguimos a ser un destino sostíbel ademais de auténtico e de calidade, o que nos fai ter unha potencialidade enorme de cara este novo concepto que valora, por exemplo, un territorio con identidade tamén na súa xente", defendeu Xosé Regueira en Xantar nunha intervención polo Día da Provincia da Coruña na que destacou o "produto de alta calidade que é percibido polo consumidor final e tamén unha gastronomía que xira ao seu arredor que podemos ofrecer como un dos nosos principais recursos".

 

Promoción económica e emprego

 

Produto de calidade e gastronomía contemporánea e tamén con sabor a tradición son algúns dos ingredientes que conformaron o programa da área de Turismo da Deputación da Coruña nesta nova edición de Xantar ao longo das cinco xornadas que dura a feira.

 

Convidou así  Xosé Regueira a visitar o territorio da Coruña para "vivir unha experiencia gastronómica única", ao tempo que defendeu a aposta por un sector sustentábel que contribúa á promoción económica e o emprego.

 

Un showcooking do concello de Arzúa a cargo da Escola de Hostalaría EFA Piñeiral de Arzúa cunha oferta de tosta de polbo, galo á salsa Piñeiral ou nube de Arzúa Ulloa con mazá e mel, a aposta do Concello de Vimianzo polos sabores da historia e unha preparación ao vivo protagonizada polo  Xeodestino Ría de Muros e Noia a cargo da Agrupación e cociñeir@s da Ría de Muros-Noia con berberechos a baixa temperatura con recordo de Galicia e pinto curado con eneldo e menta formaron parte do programa do día grande da Coruña en Xantar.

 

Ademais, ao longo da xornada, nas Aulas Gastronómicas da Feira, o Concello de Carballo ofreceron unha mostra de empanada caseira e arroz caldoso de peixes e mariscos a cargo da Escola de Hostalaría Municipal mentres que o Xeodestino Ría de Muros e Noia coa súa agrupación de cociñeir@s  preparou un taco de xurelo mariñado e lombo de pescada do pincho con veloute de berberechos da ría.

 

No espazo da Deputación, durante todo o día, o público asistente a Xantar puido degustar pan e empanada de Carballo, queixo de Arzúa, pinchos irmandiños de Vimianzo e mexillóns escabechados da Ría de Muros e Noia.

 

No peche da feira, o domingo día 10 de febreiro, o bolo do pote de Mazaricos volverá ser o protagonista cunha preparación ao vivo ás 12:00 horas.