A Deputación da Coruña destina 865.000 euros para apoiar ás confrarías de pescadores e entidades labregas e gandeiras da provincia

A Deputación da Coruña destina 865.000 euros para apoiar ás confrarías de pescadores e entidades labregas e gandeiras da provincia

Escrito el 11/02/2020


A Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia a convocatoria de dous programas de subvencións destinados a impulsar o sector primario na provincia.

 

Trátase do programa de fomento pesqueiro dirixido a confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras e mariscadores, cun orzamento de 462.000 euros, e unha das liñas do programa destinado a entidades labregas, gandeiras e forestais da provincia, que este ano conta cun orzamento de 403.000 euros.

 

No caso das subvencións para confrarías, os pósitos coruñeses teñen de prazo ata o vindeiro 6 de marzo para solicitar as axudas, de entre 1.000 e 30.000 euros, que poden destinarse á contratación de persoal, adquisición de sementes de moluscos, aluguer de maquinaria ou equipamentos necesarios para o desenvolvemento das  súas actividades, así como á contratación de servizos externos, como a vixiancia

 

O ano pasado, 31 confrarías e agrupacións de mariscadores/as coruñesas beneficiáronse destas axudas.

 

403.000 euros para entidades agrarias e gandeiras

A Deputación da Coruña publica tamén hoxe a convocatoria dunha das dúas liñas de subvencións  dirixidas a entidades asociativas agrarias e labregas da provincia, que este ano contarán cun orzamento total de 403.000 euros e que teñen como obxectivo impulsar melloras en sectores clave para a economía coruñesa coma o agrario, o lácteo ou o forestal.

Apoiar a produción e comercialización de produtos agrícolas, gandeiros e forestais, fomentar o uso de novas tecnoloxías nas explotacións, implantar accións de mellora xenética do gando ou desenvolver accións orientadas ao aproveitamento do monte e a prevención de incendios son algúns dos obxectos desta convocatoria.

Poderán concorrer a estas axudas as asociacións agrarias, labregas, gandeiras e forestais sen ánimo de lucro, así como as cooperativas, sociedades agrarias de transformación, asociación de cazadores e comunidades de montes de man común legalmente constituídas, cun mínimo de 25 socios e con sede en calquera municipio da provincia da Coruña.

No apartado de investimentos, as subvencións oscilarán entre os 1.000 e os 24.000 euros e poderán destinarse a cuestións coma acondicionamento de locais, adquisición ou adecuación técnica de maquinaria específica, implantación de novas tecnoloxías ou enerxías renovables, repoboación forestal, etc.

Na liña de actividades, as axudas tamén irán dos 1.000 aos 24.000 euros e poden destinarse ao financiamento de contratación de persoal técnico especializado , labores de implantación e acondicionamento de cultivos, rozas, podas ou tratamentos silvícolas para a prevención de incendios, entre outras cuestións.  O prazo de solicitudes desta liña está aberto até o 10 de marzo.