A Deputación da Coruña destina 220.000 euros a financiar proxectos de axuda ao desenvolvemento e cooperación exterior

A Deputación da Coruña destina 220.000 euros a financiar proxectos de axuda ao desenvolvemento e cooperación exterior

Escrito el 13/02/2020


A Deputación da Coruña destinará este ano 220.000 euros a cofinanciar, en colaboración con ONGD e asociacións sen ánimo de lucro da provincia, proxectos de axuda ao desenvolvemento en América Latina, Caribe e África.

 

As bases destas axudas, que  se  publicaron no Boletín Oficial da Provincia o dia 12 de febreiro, está aberta á concorrencia das entidades que traballen no campo da cooperación internacional, a axuda humanitaria e á educación para o desenvolvemento e que teñan domicilio social na provincia da Coruña, e establecen dúas liñas de subvencións diferenciadas, unha para o financiamento de actividades, dotada con 130.000 euros, e outra para investimentos, cun orzamento de 90.000 euros.

 

O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, destacou a longa traxectoria da Deputación no apoio a proxectos de cooperación exterior,

“que axudaron a mellorar a saúde, a educación e as condicións de vida de moitas persoas” en diversos países do mundo.

 

Dende hai anos, a Deputación colabora con programas solidarios como “Vacacións en Paz”, que trae á provincia nenos saharauis durante o verán; “Viaxe cara á vida”, da Fundación Tierra de Hombres, que permitiu traer  a nenos e nenas de países africanos como Togo, Benin, Senegal ou Mauritania para ser operados de cardiopatías no CHUAC da Coruña, ou o programa impulsado por Ledicia Cativa para que nenos da área afectada polo accidente nuclear de Chernóbil pasen as súas vacacións en diversos concellos coruñeses.

 

Ademáis, a solidariedade coruñesa permitiu tamén impulsar programas de mellora das infraestruturas sanitarias, educativas ou levar servizos básicos coma o abastecemento de auga a distintas comunidades en países coma Honduras, Senegal, Colombia ou India.

 

 

 

Unha traxectoria que se impulsa de novo con esta convocatoria, a través da que se financiarán proxectos destinados a fortalecer as necesidades sociais básicas (atención sanitaria, nutrición, saúde reprodutiva e materno-infantil, educación infantil e alfabetización de adultos), á protección dos colectivos máis vulnerables (infancia e mocidade, mulleres, refuxiados, poboacións indíxenas…), accións destinadas á solución de conflictos ou á protección e mellora da calidade medioambiental.

 

Terán prioridade aqueles proxectos que formen parte dun plan integral de desenvolvemento da área xeográfica onde se materialice o proxecto, os que conten coa colaboración de asociacións locais e os proxectos presentados por agrupacións de ONGD, entre outros.

 

As entidades participantes poderán solicitar axudas para o financiamento de actividades ata un importe máximo de 20.000 euros, mentres que no apartado de investimentos o importe máximo a financiar será de 32.000 euros. A Deputación achegará entre o 20% e o 80% do total do orzamento de gastos estimado.