O alumnado do Obradoiro de Emprego Lousame-Noia 2019 reciben os diplomas dun curso de prevención de riscos laborais

O alumnado do Obradoiro de Emprego Lousame-Noia 2019 reciben os diplomas dun curso de prevención de riscos laborais

Escrito el 21/02/2020


O salón de plenos do Concello de Lousame acolleu esta mañá o acto de entrega de diplomas dun curso de prevención de riscos laborais realizado polo alumnado do Obradoiro de Emprego Lousame-Noia 2019. “Unha formación homologada e que permite dende xa aos alumnos e alumnas que o cursaron traballar como recursos preventivos nunha empresa”, explicou o director do obradoiro, Andrés Novo Lombao.

 

O acto de entrega dos diplomas contou coa participación de concelleiros  e concelleiras de Lousame e Noia. Por parte lousamiá, entidade promotora da iniciativa, asistiron o primeiro tenente de alcaldesa de Lousame e concelleiro de Obras, Ramón Martínez; a concelleira de Xuventude, Silvia Agrafojo; e o concelleiro de Parques e Xardíns, José Antonio Ces Barreiro. Por parte noiesa estiveron presentes as concelleiras de Emprego, Beatriz Rosende; e Comercio, Mariola López.

 

Silvia Agrafojo destacou o esforzo do alumnado por conseguir “un título oficial polo que só podo darvos a miña noraboa e desexar que sigades aproveitando este obradoiro”. Na mesma liña se amosou Beatriz Rosende, quen felicitou “tanto ao director como a todo o alumnado polo excelente traballo que estades facendo”.

 

Este curso de Prevención de Riscos Laborais é unha formación adicional incluída no programa do Obradoiro de Emprego Lousame-Noia 2019, un taller de formación dual que está a formar a un total de 20 persoas na especialidade de aproveitamentos forestais. Un obradoiro iniciado en novembro, que ten 9 meses e que conta cunha subvención de 336.446 euros por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

 

Entre as actuacións previstas figuran melloras en áreas verdes de Lousame e de Noia. Así, en Lousame están previstas actuacións de mellora no parque de San Lourenzo, onde o Concello traballa para conseguir a súa declaración como Espazo Natural de Interese Local para incrementar a súa protección. Tamén están previstos actuacións en espazos naturais da Silva, Aldeagrande, Bouciñas e Vilacoba. No caso de Noia, xa se están realizando actuacións de mantemento e mellora de espazos naturais como o Monte do Bolo e na contorna do local social de Barro, pero tamén se actuará na área recreativa da Barquiña e en parcelas municipais en Bergondo e San Paio.