Ferrol incorpórase á Asociación de Concellos do Camiño Inglés

Ferrol incorpórase á Asociación de Concellos do Camiño Inglés

Escrito el 21/02/2020


A Asociación de Concellos do Camiño Inglés integra xa a 15 dos 18 concellos polos que discorre este itinerario xacobeo.

A sede da Deputación da Coruña acolleu hoxe unha reunión da entidade na que se aprobou a incorporación formal de Ferrol á asociación, presidida polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás. Con esta incorporación son xa quince os concellos representados na entidade, pendente da próxima incorporación da Coruña, Cambre e Culleredo.

A reunión contou tamén coa asistencia do deputado provincial Antonio Leira, que saudou a incorporación “dun dos concellos onde nace o Camiño Inglés” e explicou os plans conxuntos da Deputación da Coruña e a Asociación de Concellos para promocionar o Camiño Inglés en territorio británico cun amplo calendario de actividades.

Segundo tramo do Camiño Inglés en territorio británico

Leira e Mirás viaxarán a Inglaterra o vindeiro mes de marzo, onde manterán diversas reunións con alcaldes e parlamentarios de Cornwall, Reading e Durham para implantar novas accións de promoción do Camiño en territorio británico.

Tras a apertura o pasado ano do primeiro tramo do Camiño Inglés en solo británico, que conecta a abadía de Finchale con Durham, os representantes da Deputación e da Asociación participarán o vindeiro mes na inauguración oficial dun segundo tramo inglés do camiño, duns 25 quilómetros de lonxitude, que conectará Durham con Bishop Auckland.

  

 

O Camiño Inglés xa supera ao Primitivo

Leira lembrou que o Camiño que o Camiño Inglés vén de converterse no cuarto itinerario xacobeo con maior número de peregrinos, superando ao Camiño Primitivo, segundo os últimos datos da Oficina de Acollida ao Peregrino, que cifran o trafico en máis de 15.780 peregrinos, un 11,5% máis que o ano pasado.

O deputado destacou “o espectacular crecemento” e “o enorme potencial” desta ruta, que discorre integramente pola provincia da Coruña atravesando os concellos de  Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago e considerou de gran importancia potenciar o seu coñecemento e valoración entre a cidadanía británica.