ALIANZA DE PORTO DO SON E RIVEIRA PARA DESENVOLVER UN NOVO OBRADOIRO DE EMPREGO NAS ESPECIALIDADES DE CARPINTERÍA E FORESTAL

ALIANZA DE PORTO DO SON E RIVEIRA PARA DESENVOLVER UN NOVO OBRADOIRO DE EMPREGO NAS ESPECIALIDADES DE CARPINTERÍA E FORESTAL

Escrito el 21/02/2020


Os Concellos de Riveira e Porto do Son van desenvolver un novo obradoiro de emprego compartido. O seu nome, “Tahume VI” pois esta será a sexta ocasión en que ambos municipios unen as súas forzas para desenvolver esta iniciativa que combina traballo e formación para facilitar a integración laboral de veciños en situación de desemprego.

 

A tal efecto, os alcaldes Manuel Ruiz e Luis Oujo asinaron hoxe o correspondente convenio de colaboración para a execución deste taller, ao tampo que solicitar unha axuda en aras ao seu financiamento á Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, ao abeiro da orde do 27 de decembro de 2019.

 

A intención é que Tahume VI teña unha duración de nove meses e conte con vinte alumnos, dez por municipio. As especialidades que se realizarán son “Traballos de carpintería e moble”  e “Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes”.

 

A encomenda da xestión administrativa do obradoiro de emprego recaerá por primeira vez no concello sonense en lugar do riveirense dado que, segundo explicou Manuel Ruiz, as especiais complexidades administrativas derivadas da xestión do EDUSI requiren o máximo esforzo dispoñible polos funcionarios municipais.

 

Unha vez máis, os labores que se levarán a cabo no transcurso do obradoiro redundarán en beneficio dos municipios. Así, no que respecta a Riveira, na especialidade forestal preténdese que os traballos dos alumnos sirvan para repoboar con especies autóctonas dous lugares senlleiros do noso territorio: Couso e o monte de San Alberte.

 

Marcaxe da Orixe

No que se refire á modalidade de carpintería, as tarefas estarán enfocadas no mantemento de pasarelas dos areais, ademais da elaboración de pasamáns para a praia da Corna en Palmeira. Así mesmo, traballarase na marcaxe provisional do Camiño de Santiago A Orixe ao longo dos entre 25 e 27 kilómetros (a distancia definitiva dependerá de como vai ir o trazado dentro do parque natural) en que esta ruta transcorre polo noso municipio.

 

En canto a Porto do Son, Luis Oujo explicou que cos alumnos de carpintería se pretende repasar moitas das pasarelas ubicadas no litoral deste concello (lembrou a este respecto que hai activado un proxecto cunha inversión de 50.000 euros para a unión integral dos case trinta quilómetros de costa existentes mediante pasarelas) e se construirá mobiliario urbano.

 

Tocante á especialidade de forestal, o rexedor recordou que O Son ten catro parroquias con alto risco de incendios e considerou que esta aprendizaxe resulta moi positiva de cara á incorporación dos alumnos ao mercado laboral a través de entidades como a empresa pública Seaga.