A Deputación cataloga nun libro os 587 reloxos de sol da provincia da Coruña

A Deputación cataloga nun libro os 587 reloxos de sol da provincia da Coruña

Escrito el 20/02/2020


A sede da Deputación acolleu esta tarde a presentación do libro Relojes de sol en el patrimonio construido civil, religioso, militar y etnográfico de la provincia da Coruña, que cataloga de xeito exhaustivo os 587 reloxos de sol existentes nos 93 concellos coruñeses segundo a súa ubicación, tipo, forma, estado de conservación ou data de orixe.

A presentación contou coa presenza do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e os autores do libro, José Manuel Yáñez, xefe do servizo de Arquitectura da Deputación e doutor en Historia do Arte e Antonio José Cañones Aguilar, experto gnomomista e membro da Asociación de Amigos de Reloxos de Sol.

González Formoso lembrou que o libro, editado pola Deputación, é o resultado dunha longa e rigurosa investigación que Yáñez e Cañones comezaron nas comarcas de Ferrolterra e Eume en 2003 e que “pouco a pouco foi extendéndose e compilando os datos e contando a historia de cada un dos reloxos de sol existentes na provincia da Coruña”.

O presidente destacou “a importancia que, ao longo da historia,  tivo a medición do tempo para todas as sociedades”, un aspecto no que se incide especialmente na primeira parte do libro, achegando ao lector a historia da gnomónica (a ciencia da reloxería solar) e explicando os diferentes tipos de reloxos solares.

Na segunda parte do libro, a máis extensa, conta con mapas das comarcas e municipios coruñeses onde se ubican os reloxos de sol e realizase unha catalogación exhaustiva dos mesmos, incluindo fotografías do estado actual de cada un deles. Nas fichas de cada reloxo detallanse polo miúdo os seus datos e historia, situándoa no contexto físico do edificio no que se ubica.