A XUNTA PECHA MAÑÁ O PRAZO PARA SOLICITAR AS AXUDAS AO NOVO PROGRAMA PARA FACILITAR A CONTRATACIÓN DE MENORES DE 30 ANOS

A XUNTA PECHA MAÑÁ O PRAZO PARA SOLICITAR AS AXUDAS AO NOVO PROGRAMA PARA FACILITAR A CONTRATACIÓN DE MENORES DE 30 ANOS

Escrito el 20/02/2020


O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, lembrou hoxe en Boiro que mañá, venres 21 de febreiro, pecha o prazo para que os concellos interesados presenten os seus proxectos para acceder ás axudas do novo programa para facilitar a contratación de menores de 30 anos.

 

Trátase dunha iniciativa, incluída no Plan galego de formación para o emprego, na que se investirán 7M€ para que as entidades locais poidan desenvolver iniciativas de formación e aprendizaxe acompañadas dun contrato de traballo en empresas do sector, cunha duración total de 18 meses. Agárdase apoiar 20 proxectos e ofrecer 300 prazas para mozos e mozas desempregados.

 

Casal estivo esta mañá no obradoiro de emprego Hostalería Boiro III que este concello está celebrando coa participación dun total de 16 mozos e mozas. O alumnado prepárase para a obtención do certificado de profesionalidade de Operacións básicas de cociña, de nivel 1 e Operacións básicas de restaurante e bar, tamén de nivel 1, ademais de realizar actuacións relacionadas con estas materias, como a elaboración e presentación de menús sociais, servizos de almorzos saudables e solidarios, comidas degustación, así como realización de eventos gastronómicos do Concello e de xornadas de showcooking.

 

Na súa intervención o director xeral destacou a necesidade de que as distintas administracións e entidades colaboren á hora de deseñar programas que melloren a calidade do emprego en Galicia e subliñou a importancia de apostar por unha formación dual e flexible, que se adapte tanto ás necesidades das empresas como ás demandas de emprego dos concellos galegos.