GONZALO CABALLERO: “O 5A XÓGASE ENTRE UN PROXECTO DE RECORTES EN EDUCACIÓN E SANIDADE E UN PROXECTO DE ESPERANZA QUE APOSTA POLO ESTADO DO BENESTAR”

GONZALO CABALLERO: “O 5A XÓGASE ENTRE UN PROXECTO DE RECORTES EN EDUCACIÓN E SANIDADE E UN PROXECTO DE ESPERANZA QUE APOSTA POLO ESTADO DO BENESTAR”

Escrito el 25/02/2020


O candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe que as eleccións do vindeiro 5 de abril xóganse “entre un proxecto de recortes en educación e sanidade públicas e un proxecto de esperanza que aposta polo estado do benestar”.

 

“Todos os que queren un estado do benestar potente e uns servizos públicos de calidade, e castigar a un Feijóo que se esqueceu dos que máis necesitan a axuda da Xunta, que acompañen un proxecto de cambio por unha Galicia mellor”, recalcou Gonzalo Caballero.

 

Así o dixo durante a visita a Vilagarcía coa que pechou hoxe a rolda de contactos cos alcaldes socialistas das cidades, posto que o rexedor, Alberto Varela, é ademais o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias. Tras amosar o seu “compromiso” coa vila, o líder socialista garantiu “unha Galicia a carón dos concellos”, que se están vendo obrigados a paliar a inacción da Xunta de Feijóo.

 

“Feijóo esqueceuse dos concellos e non cumpriu coas súas competencias nos servizos, as infraestruturas, o patrimonio, a riqueza natural…”, sinalou Gonzalo Caballero, quen lamentou que “os concellos teñen que dar solucións” á xente porque a Xunta non o fai a pesares de ter “máis recursos”.

 

A modo de exemplo, indicou como son os concellos os que acaban arranxando as instalacións dos colexios públicos porque Feijóo “non cumpre” tampouco coas súas obrigas de mantemento tras unha década na que “eliminou escolas e profesores e reduciu os orzamentos da educación pública”.

 

“Nós queremos un novo mapa de acción municipal en sinerxia co goberno progresista da Xunta”, incidiu, despois de apuntar que “máis do 55% dos galegos teñen un alcalde ou alcaldesa socialista” porque o PSdeG goberna en máis dun centenar de concellos. “E na defensa do benestar, terán na Xunta ao mellor aliado. Cumprir co benestar dos galegos é o gran reto que imos cumprir”, asegurou o candidato socialista.

 

“COMPROMISO” CON VILAGARCÍA

 

Canto a Vilagarcía, Gonzalo Caballero destacou a “boa xestión” do equipo de goberno encabezado por Alberto Varela, “un alcalde de referencia cun gran proxecto”, e garantiulle que atopará nun goberno presidido por el “un aliado en defensa dos intereses dos seus veciños”.

 

Consciente de que “o PP recortou dereitos a Arousa” no que atinxe, por exemplo, á atención médica, o candidato do PSdeG á Xunta comprometeuse “de forma pública e clara” a que “un goberno progresista vai construír o centro de saúde” que necesita a vila “coa máxima celeridade posible”.

 

Porque a sanidade, como dixo Gonzalo Caballero, “vai ser un compromiso e unha bandeira fundamental” do goberno de cambio que saia das urnas o vindeiro 5 de abril. Así mesmo, asegurou que cuestións como as beirarrúas de Bamio levaranse adiante “nos primeiros seis meses”.

 

Pola súa banda, o alcalde de Vilagarcía e presidente da Fegamp, Alberto Varela, sinalou que “a necesidade dun cambio na Xunta” é algo que “se percibe”. “O necesita a sanidade e os nosos servizos públicos”, resaltou, e engadiu que “o necesitan os concellos en xeral e Vilagarcía en particular”.

 

Porque despois de 11 anos de non dar resposta “ás inquedanzas e os problemas dos veciños” desta vila, argumentou o rexedor, “necesitamos un presidente da Xunta que se comprometa a construír o centro de saúde, a facer as beirarrúas de Bamio…”. “A boa nova é que a hora do cambio está moi preto e que o próximo presidente da Xunta será Gonzalo Caballero”, finalizou Alberto Varela.