AS CONDUTORAS E TRANSPORTISTAS DO MUNICIPIO SERÁN HOMENAXEADAS EN RIVEIRA CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

AS CONDUTORAS E TRANSPORTISTAS DO MUNICIPIO SERÁN HOMENAXEADAS EN RIVEIRA CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Escrito el 02/03/2020


As mulleres e transportistas do municipio será o colectivo homenaxeado polo Concello de Riveira con motivo do Día Internacional da Muller. Así o dou a coñecer esta mañá a concelleira de Igualdade, Ana Ruiz, nun acto no que estivo acompañada da directora do CIM, Dolores Crujeiras, coa fin de presentar o calendario de eventos organizado con motivo da efeméride, unha programación que se estenderá entre o venres 6 e o propio domingo 8 de marzo.

 

A este respecto, Crujeiras recordou que o Concello leva case dúas décadas homenaxeando a mulleres integrantes de diferentes colectivos profesionais e sociais e nesta ocasión se decidiu render tributo a un sector no que o papel feminino permanecía invisible ata fai pouco. Neste senso, conseguiuse contactar cunha vintena de representantes que estarán no salón de plenos do Consistorio o sábado 7 de marzo ás 11.30 horas para protagonizar un evento no que recibirán un obsequio e un diploma conmemorativo. A este respecto, cómpre sinalar que se algunha transportista ou condutora local, presente ou pasada, non recibiu a chamada do CIM pode poñerse en contacto co dapartamento a través do número 981 874 131 ou o enderezo electrónico cim@riveira.com.

 

Teatro

Polo demais, a programación organizada directamente polo Concello (que tamén colabora nas actividades organizadas por outras entidades, como é o caso da asociación Mulleres en Acción) arrancará o venres 6 de marzo cunha función teatral titulada “Chola, a it girl”, da compañía Artesacía: unha representación dramática moi acaída posto que a súa protagonista é unha condutora do rural que se fai bloqueira e youtuber. A función comezará ás 20 horas e a entrada é gratuíta, ao igual que o resto de accións organizadas.

 

Xa o sábado, e logo do homenaxe ás condutoras e transportistas das 11.30 horas haberá ás 12 na praza do Concello unha exhibición de deporte en igualdade materializado en tres disciplinas que ata tempos recentes non se vinculaban socialmente coa muller: boxeo, crossfit e kick boxing.

 

Paralelamente, a través do Departamento de Normalización Lingüística terá lugar tamén ás 12 do mediodía na Biblioteca un contacontos musicado titulado “Lúa triangular. Nada é imposible!” con Eli Ríos e Jara Ortiz.

 

Para pechar a programación sabatina, ás 13 horas terá lugar na praza do Concello unha lectura poética de versos de Rosalía de Castro á que está convidada toda a xente que se desexe sumar.

 

Animación de rúa

Por último, o propio domingo 8 de marzo, Día Internacional da Muller, terá lugar unha actividade titulada “Violetas”. Consiste en animación de rúa para o empoderamento feminino no que, explicado de forma sucinta, se invitará á cidadanía a expresar o que é unha muller ao seu criterio e se colgarán en siluetas as distintas respostas.

 

Esta acción desenvolverase de 11.30 a 14.30 horas no paseo do Malecón, a praza de Porta do Sol e o parque García Bayón.

 

Por último, as dúas comparecentes sinalaron que se aproveitaran os eventos para facer promoción do Centro de Información á Muller para facer promoción deste departamento a través do reparto de distintos obxectos como chapas ou bolsas da compra reutilizables.