A xunta DESTACA QUE OS GAÑADORES DOS PREMIOS RSE DEMOSTRAN QUE A RESPONSABILIDADE SOCIAL EMPRESARIAL É CLAVE PARA IMPULSAR O EMPREGO DE CALIDADE E A CONCILIACIÓN

A xunta DESTACA QUE OS GAÑADORES DOS PREMIOS RSE DEMOSTRAN QUE A RESPONSABILIDADE SOCIAL EMPRESARIAL É CLAVE PARA IMPULSAR O EMPREGO DE CALIDADE E A CONCILIACIÓN

Escrito el 03/03/2020


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe na entrega dos Premios RSE Galicia 2019, organizados pola Xunta, que a responsabilidade social empresarial é clave para impulsar o emprego de calidade e a conciliación. Na súa intervención, resaltou que a competitividade do tecido empresarial galego se basea na diferenciación a través da calidade e da innovación, e que unha parte irrenunciable desa fórmula son a sustentabilidade, a seguridade laboral e a igualdade.

 

No acto celebrado esta tarde en Santiago de Compostela entregáronselle os recoñecementos a Altia (A Coruña), na categoría de gran empresa; Empresa Monforte (Lugo), distinguida dentro das medianas empresas; Tecalis Innovación (Ames), no apartado dedicado ás pequenas empresas, e Congalsa (A Pobra do Caramiñal), que recibe a mención á conciliación.

 

Cos Premios RSE Galicia, a Xunta quere destacar o labor de compañías cun compromiso claro coa responsabilidade social empresarial na súa xestión, ao tempo que se sensibiliza a todo o tecido empresarial sobre a importancia dunha xestión responsable e sustentable.

 

Do que se trata, tal e como sinalou Conde, é de que empresas e administracións traballen da man para que Galicia se converta nun espazo de oportunidades para un desenvolvemento social, ambiental e económico responsable. Este obxectivo está plasmado na Estratexia galega de Responsabilidade Social e Empresarial, activada en febreiro do ano pasado.

 

No caso de Altia, o xurado recoñece o desenvolvemento integral da RSE, con indicadores destacados no ámbito laboral como o emprego de calidade, a seguridade, a saúde e a formación dos seus empregados. No ámbito ambiental, esta compañía aposta pola eficiencia enerxética e, no social, cabe mencionar as súas accións en favor da igualdade de oportunidades e da integración social, sendo ademais moi activa na promoción do voluntariado.

 

No tocante a Empresa Monforte, destaca no desenvolvemento dun código de conduta e dunha canle responsable, así como o seu sistema de xestión de empresa saudable e a súa adhesión a un protocolo de paradas seguras.

 

A empresa tecnolóxica Tecalis Innovación sobresae pola súa visión integral da RSE, cunha aposta pola excelencia empresarial. Conta con medidas de conciliación familiar, e horario flexible para todos o seu persoal, entre outros aspectos. Ademais, desenvolve accións de voluntariado e socialmente responsables, colaborando con centros educativos no fomento de carreiras STEM.

 

Congalsa é destacada polo xurado por propiciar medidas de conciliación ás súas persoas traballadoras, como son o acceso a xornadas de traballo reducidas, ademais de contar cunha xornada intensiva. Conta cun sistema de melloras sociais, permite a planificación das vacacións para coincidir cos períodos vacacionais estudantís e permisos de paternidade de 16 semanas. Ten, ademais, unha política que se dirixe a evitar a discriminación na promoción interna de traballadores.