A Deputación da Coruña pon o foco nas discriminacións existentes "por ser muller"

A Deputación da Coruña pon o foco nas discriminacións existentes "por ser muller"

Escrito el 04/03/2020


"É por ser muller" é o lema da campaña coa quee a área de Igualdade da Deputación da Coruña denuncia o machismo e os estereotipos que padecen as mulleres na conmemoración deste 8 de marzo. Ademais, a área que dirixe a deputada María Muíño bota a andar un vídeo colaborativo sobre as mulleres no rural e convida a asistir o vindeiro sábado 7 no Teatro Colón á representación da obra "Invisibles".

 

"Non é por ir soa", "Non é por ser mellor coidadora", "Non é polo meu currículo", "non é porque me guste o rosa"... "É por ser muller". Tres imaxes de tres mulleres en distintas etapas vitais -unha nena, unha muller de mediana idade e outra maior- protagonizan a nova campaña da área de Igualdade da Deputación da Coruña que destaca a pervivencia de discriminación e estereotipos que continúan a lastrar a igualdade de posibilidades das mulleres na nosa sociedade. Desde a Deputación convidan a utilizar nas redes o cancelo #ÉPORSERMULLER para denunciar actos machistas por parte das mulleres que os teñan padecido.

 

"A campaña recolle a forzaleza das voces feministas e visibiliza a existencia de barreiras e estereotipos que atrancan o avance das mulleres na conquista da igualdade", explicou a deputada María Muíño na presentación da programación do 8 de marzo da institución nun acto en que estivo acompañada da técnica de Igualdade, Eva Ovenza, e a creadora da imaxe Paula Somoza Hermo de Idea Creatividades.

 

María Muíño lembrou que no pasado pleno a Deputación da Coruña aprobou unha declaración institucional que asumía as demandas do feminismo co obxectivo de "acadar logros e transformacións a nivel social de cara un futuro máis igualitario" e, neste sentido,d estacou a necesidade de "visibilizar esta situación da que as administracións temos qu ter en conta para comprometer a nosa acción de goberno e facer realidade a conquista da igualdade".

 

Entre outras iniciativas, a programación que se desenvolverá arredor do Día Internacional das Mulleres inclúe a representación da obra "Invisibles" dirixida por Marián Bañobre e baseada no libro do mesmo título de Montse Fajardo que denuncia a violencia machista, "un tema que non podemos esquecer en ningunha das conmemoracións que se fan arredor das reivindicacións das mulleres".

 

Ademais, anunciou a convocatoria do XI Concurso de Viñetas pola Igualdade que ten como tema nesta nova edición as novas masculinidades que avanzan cara a igualdade.

 

Finalmente, María Muíño presentou unha nova iniciativa que consistirá na produción dun documental colaborativo que recollerá as historias de vida de mulleres no rural "para facer visible a historia arraigada na realidade da provincia á que non se lle dá o protagonismo que merece  no que participarán, entre os meses de marzo e xuño mulleres de Toques, Aranga, Teo, Muxía e Ortigueira".

 

 

Programa 8 de marzo

 

-  "É por ser muller"

Campaña de sensibilización en medios sobre a necesidade de erradicar prexuízos sexistas e camiñar coeducando cara unha igualdade real. Animámosvos a empregar o cancelo en redes sociais #EPORSERMULLER e a que partilledes outros prexuizos sexistas como forma de denunciar estas discriminacións e desigualdades.

 

- XI Concurso de viñetas " Novas masculinidades" 2020

 

O obxecto do certame é empregar a viñeta, ou tira de viñetas (como máximo 6 ) para reflexionar, concienciar, visibilizar e mudar mentalidades da cidadanía en xeral e da poboación adolescente en particular, sobre novas masculinidades así como as claves para avanzar ata unha masculinidade alternativa máis igualitaria. Pódense consultar as bases na web www.dacoruna.gal

 

- Representación teatral "Invisibles". 7 marzo as 20.00 no Teatro Colón

 

Da directora Marián Bañobre, realizada pola compañía Redrum Teatro e premiada no Certame Luisa Villalta 2019 da Deputación da Coruña

A obra está baseada no libro de Montse Fajardo que leva o mesmo título. Invisibles é un espectáculo que presenta diversas historias cun fío común entre elas: a violencia de xénero. Son historia reais contadas por mulleres, historias sobre malos tratos.  Sensibilizar e transformar a través do teatro  para que o público desenvolva unha conciencia crítica e cuestione a realidade que nos envolve.

 

- "O rural de todas as mulleres"

 

Creación dun documental colaborativo ou participado sobre a historia de vida das mulleres no rural quese  executará nos concellos de Toques, Aranga, Teo, Muxía e Ortigueira entre os meses de marzo e xuño de 2020.