A Deputación abre o prazo de presentación de solicitudes das axudas do Plan de Emprego Local (PEL-2020) para pemes e autónomos

A Deputación abre o prazo de presentación de solicitudes das axudas do Plan de Emprego Local (PEL-2020) para pemes e autónomos

Escrito el 05/03/2020


A Deputación da Coruña vén de convocar as axudas do Plan de Emprego Local (PEL-2020) dirixidas a pequenas e medianas empresas, autónomos/as, emprendedores/as e concellos da provincia. O prazo de solicitudes está aberto ata o vindeiro 24 de marzo.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o deputado responsable da área de Emprego, José Ramón Riobóo, presentaron hoxe a convocatoria do PEL 2020, que ten como obxectivo “apoiar a consolidación e fortalecemento do tecido empresarial da provincia da Coruña, axudando ás pequenas empresas, autónomos e emprendedores na creación de emprego e no financiamento de investimentos que contribúen a modernizar as nosas empresas e a facelas máis competitivas”, segundo sostivo o presidente provincial.

González Formoso destacou que este é o cuarto ano que se convocan as axudas do PEL, que parten dun orzamento inicial cercano aos 7 millóns de euros, dos que 2,5 millóns se destinan a subvencionar a contratación de traballadores/as, 1,3 millóns a financiar novos investimentos en empresas de recente creación e 3 millóns a financiar as contratacións nos concellos.

 

 

 

Desde a súa creación en 2016, o Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña supuxo un investimento de 26,7 millóns de euros, que permitiron a creación de 2.636 empregos directos e subvencionaron investimentos para modernización e mellora de 1.948 empresas coruñesas.

PEL-PEMES subvenciona ata o 70% na contratación de persoal

A liña PEL-PEMES subvencionará ás pequenas empresas e autónomos con sede nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia da Coruña para a contratación laboral dunha persoa en situación de desemprego durante un período de 12 meses. A Deputación financiará o 70% do soldo e a Seguridade Social do/a traballador/a contratado/a, ata un máximo de 15.400 euros anuais.

González Formoso explicou que, con esta liña, a Deputación aposta polo emprego estable e de calidade no sector privado e destacou que o 64,20% das persoas contratadas con axudas do PEL-Pemes contan xa cun contrato indefinido.

Habilítase tamén unha liña PEL-PEMES Mantemento, coa que a Deputación subvenciona o mantemento das contratacións laborais indefinidas da convocatoria anterior do programa durante un ano máis. Deste xeito, as  empresas poden optar a unha nova axuda para manter o posto de traballo creado en 2019 durante 12 meses máis. Nestes casos, a Deputación financiará o 50% do soldo e Seguridade Social  do traballador/a cun importe máximo de 11.000 euros anuais. Estes  contratos son sempre de carácter indefinido.

PEL-Emprende, axudas para investimentos

A liña PEL-Emprende está destinada a autónomos e empresas da provincia da Coruña con menos de cinco anos de antigüidade e sede social en calquera dos concellos da provincia da Coruña.

As axudas cubrirán ata o 70% do investimento, cun máximo de 17.500 euros, para a compra de aplicacións informáticas, maquinaria, utillaxe, mobiliario e equipos para procesos de información. Todos eles deben ser elementos novos e directamente relacionados coa actividade da empresa.

PEL- Concellos crea emprego e mellora os servizos públicos

A Deputación da Coruña consigna tamén este ano unha partida de 3 millóns de euros para apoiar aos concellos da provincia na contratación de persoas desempregadas para a prestación de servizos locais básicos.

 

O organismo provincial publicou onte no BOP a convocatoria do PEL-Concellos 2020  á que poderán acollerse os 82 concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes. En función da porcentaxe de persoas desempregadas coas que conte o municipio, as subvencións para as contratacións oscilarán entre os 19.000 e os 52.000 euros.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou os bós resultados obtidos nos últimos anos polo programa PEL-Concellos, “que cada ano facilita a inserción laboral de preto de 500 persoas e, ao mesmo tempo, contribúe a mellorar os servizos públicos dos nosos municipios”, sostivo.

Formoso incidiu tamén no “carácter social” desta liña, pois a Deputación esixe nas bases do programa PEL-Concellos que a contratación beneficie especialmente a aqueles colectivos máis afectados polo desemprego e con maiores dificultades de inserción laboral: maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas cun grao recoñecido de discapacidade, persoas pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro, vítimas de violencia de xénero, persoas en risco de exclusión social ou mulleres, dado que o índice de paro rexistrado entre as mulleres é sensiblemente superior ao dos homes.

Dentro destes colectivos, os concellos primarán a aquelas persoas que teñan rematado favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas admininistracións públicas.

O prazo remata o 24 de marzo

A solicitude das axudas só poderá realizarse mediante o envío da documentación requirida nas bases de xeito telemático, a través da plataforma SUBTEL da Deputación. Todos os anexos requiridos para a presentación das solicitudes poderán ser descargados na plataforma, na sección correspondente ás diferentes convocatorias.

O prazo de presentación das solicitudes remata o vindeiro 24 de marzo ás 14.00 horas.